Comezan a escoitarse voces que nos falan do lado escuro destes xogos olímpicos. Mellor dito, do país que os acollerá. Porque, non o esquezamos, China é unha ditadura.
O plusmarquista mundial de maratón, Haile Gebrselassie anunciou que non correrá a proba raíña do atletismo a causa da enorme contaminación que padece o aire pequinés. Anteriormente, Steven Spielberg negouse a participar como asesor artístico nas cerimonias de inauguración e clausura pola actitude chinesa no conflito de Darfur: Pekín, que obtén de Sudán as dúas terceiras partes do petróleo que consome, non só vende armas ao goberno dese país, senón que coa súa presenza no Consello de Seguridade da ONU impediu que a comunidade internacional envíe forzas de pacificación a esa zona, onde xa morreron máis de 200.000 persoas e hai máis de dous millóns de desprazados.
Pero antes, Amnistía Internacional expoñía datos para botarse a tremer: China é o país do mundo onde máis condenas a morte se executan; a pena capital aplícase ata para castigar fraudes fiscais. Sospéitase que os órganos dos condenados sexan aproveitados despois para realizar trasplantes.
A liberdade de expresión non existe. Os medios de comunicación están sometidos á censura e control. Igualmente ocorre en Internet, onde nin sequera aparecen palabras como LIBERDADE.
Os que lixan a imaxe da cidade (toxicómanos, mendigos, prostitutas...) son detidos e enviados a temibles centros de reeducación.
E agora, o Tíbet, do que tamén falamos con Gonzalo Moure, por certo. Si, o Tíbet, invadido polos chineses e que agora sofre máis ca nunca a opresión da ditadura chinesa.
Pero nada disto importa. "Poderoso caballero es don Dinero". E sobre isto, os chineses teñen moito que dicir.
Sen comentarios
Publicar un comentario