Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/04/08

Migrañas inspiradas

A migraña causa alucinacións, cataratas de estímulos visuais, deforma a realidade... Moitos artistas sacaron partido desta fonte de inspiración.
O neurólogo alemán Klaus Podoll, da Universidade de Aquisgrán, leva anos estudando os debuxos e as pinturas realizadas por persoas afectadas da migraña "con aura", unha especie de tormenta neurolóxica no cerebro que produce trastornos visuais e perceptivos durante uns 30 minutos; os pacientes ven formas caleidoscópicas e mosaicos a toda cor, e as faces e os obxectos aparecen deformados. Xa en 1895 o doutor W. R. Gowers afirmaba que boa parte da dificultade de estudar este mal residía en que se trata dun fenómeno que ocorre no interior da cabeza, polo que habería que enfrontar o reto de "ver o irreal, contemplar o que non é".
Os debuxos realizados por persoas que padecen migrañas constitúe unha ferramenta que permite aos investigadores visualizar o que o enfermo experimenta e localizar a área do cerebro afectada. Ademais dos peculiares destellos de luz e imaxes oscilantes, a aura causa outro fenómeno dobre moi curioso: a persoa afectada ve os obxectos máis pequenos ou máis grande do que en realidade son. Lembremos a Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll.
Moitos son os escritores que falan de ataques de migrañas: Emily Dickinson, Friedrich Nietzsche, Jack London ou H. G. Wells. O compositor francés Claude Debussy contou que as alucinacións musicias influíron no resultado final das súas óperas.
Pero, por suposto, non todas as persoas afectadas de migrañas son artistas. Aínda que si os artistas puideron utilizar os fenómenos irreais que experimentaban durante a aura como fonte de inspiración. Dalí maxinou os reloxos brandos do seu cadro A persistencia da memoria durante un ataque de migraña; a estétitica de De Chirico influíu en Picasso, Magritte ou Max Ernst, artistas que non sufrían migrañas, aínda que si o seu mestre. E a artista nipona Yayoi Kusama, quen asegura que as alucinación que inspiran as súas obras se deben ao traume psicolóxico dos abusos maternos, son quizais froito dunha migraña severa.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.