Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/04/08

Sale el espectro

A miña última incursión literaria é tamén a -ata agora- última novela do autor: Sale el espectro de Philip Roth (Editorial Mondadori, 2008), e que vén a confirmar que é un dos mellores novelistas norteamericanos vivos. Xudeu, iconoclasta, de esquerdas, sexo-adicto, inconformista, non sionista, antipolíticos actuais de Israel... sabe como pouco abrir unha fiestra na ficción para permitir a entrada do existente. O propio, cargado de biografía, figura nos seus textos.
Sale el espectro é un formidable alegato sobre a realidade da vellez representada no corpo dun vello no que aínda habita como un espectro o desexo da muller, como vén facendo nos últimos libros (en Elegía o protagonista era un vello acosado polos problemas que trae consigo a decadencia do corpo). Pertence a unha serie de nove novelas onde o protagonista é Nathan Zuckerman, alter ego de Roth. Amosa unha fría visión da propia realidade individual, tan norteamericana, ligada a un irreverente sentido do humor; cóntanos as vicisitudes do home maior, frustrado polos fallos físicos e mentais do seu corpo, pola inevitable perda de interese polos sucesos do mundo, pero que aínda é vulnerábel á forza do desexo, xerado pola beleza dun corpo xove do sexo oposto. E preséntao de xeito brillante, trenzando diversos fíos narrativos, co fondo da traxedia de que fose Bush quen gañase as últimas eleccións. E iso provoca a rabia, non unha rabia cega, senón unha rabia que constrúe, que nos axuda a vivir, aínda que na súa novela -nin nesta nin noutras- haxa moita esperanza. A súa propia experiencia serve de catalizador para observar o mundo, analizado con inconformismo e rebeldía, con humor histriónico e piedade por nós mesmos. Na novela diatriba por riba de todo sobre a fin da era literaria, sen futuro posíbel, xa que estamos condenados ao "reducionismo biográfico" no xornalismo cultural, condenando as vulgares manobras onde parece primar a análise do sucedido na non-ficción por riba da ficción, e así este libro acaba ocupándose do gran misterio rothiano de sempre: onde comeza o personaxe e onde remata o creador?, e que é o que vale, a vida ou a obra?.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.