Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/04/08

Muros

Un militar dispón dunha chave para abrir ou pechar a única porta do muro que rodea un pequeno lugar palestino. O exército israelí bloqueou todas as rutas que permitían entrar ou saír, agás unha. Na que permaneceu aberta os militares instalaron un valado metálico que todas as tardes servía para converter os habitantes en prisioneiros. Os soldados póñenlle o candado ao valado sen horario determinado. Moitos residentes víronse imposibilitados de entrar ou saír da súa aldea a horarios regulares.
Isto ocorre na pequena vila palestina de Wadi Rahaal, que se enfronta á supervivencia como lugar, non só polo muro que a rodea senón a consecuencia da expansión colonialista israelí.
O chamado "muro de seguridade" na cidade de Belén fixo que o índice de desemprego alcanzase até o 65%. Moita xente que traballa en Xerusalén agora non pode pasar, porque os israelís non están dando permisos para que os traballadores vaian aos seus lugares de traballo.
Parece que aos humanos nos gusten os muros, muros de ignorancia, muros conceptuais, muros espirituais, muros de pedra... O muro que medra no territorio palestino é o muro do Apartheid, ese que hai un ano se decidiu cambiar na construción para incluír dentro de Israel a 1500 colonos de dous asentamentos xudeus, deixando illados a 20000 palestinos.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.