Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/04/08

A pista de area

Nesta miña fase lectora "negra" (será que vexo todo negro?) rematei agora A pista de area, de Andrea Camilleri. Un autor que me descubreu Chus Pato hai un par de anos, do que lin varios libros en castelán e que agora si podo disfrutar na nosa lingua.
Seguramente Camilleri non gañe nunca o Nobel pero para os amantes da novela negra (en italiano é o xénero "giallo", amarelo) sempre é un pracer reencontrarse con Montalbano e os personaxes da vila siciliana de Vigatà. Neste libro, coma noutros, aparece un agudo retrato da sociedade italiana e os agobios dun home que se vai facendo maior (agobios que comezamos a sentir algúns!!!); e sempre con moito amor á comida italiana e un profundo sentido do humor.
Os investigadores privados das novelas negras teñen algo que dicir ao home de hoxe. Non poden dar leccións morais. Pero homes como Montalbano din máis polo que son que polo que fan. El non vive para defender grandes palabras como Verdade e Xustiza, senón que simplemente tenta "ser", con todas as súas limitacións.
Camilleri utiliza unha linguaxe directa, uns policías entrañables, un sentido do humor envexable que mesmo parece contraditorio coa natureza da novela negra, unha rústica e soleada Sicilia para marcar coa súa peculiar idiosincrasia unha parte da historia da literatura. Unha literatura que se deixa ler facilmente e que nos fai pasar un bo rato, esquecendo todo o demais.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.