Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/04/08

Seis libros ao ano


Desde 1965 (que ano!) o 2 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil con motivo da celebración do nacemento de Hans Christian Andersen. Este tipo de literatura consolídase como motor do sector editorial con cerca de sesenta millóns de exemplares e un aumento na facturación do 14,8%, o que supón seis libros por neno ou mozo, segundo o Anuario do Libro Infantil e Xuvenil editado polo grupo SM.
Estas cifras son sorprendentes ao ler no Anuario que aínda que o 94% dos pais considera que a lectura é imprescindible na educación dos fillos, só un terzo dos pais con fillos entre os 0 e os 17 anos le con eles, mentres que outro terzo (24%) non o fai nunca. Será que somos nós os que conseguimos que lean???



"Os libros iluminan, o coñecemento encanta
A busca de coñecemento mediante a lectura debe ser unha prioridade e é fundamental estimulala dende a infancia.
Na miña opinión, sobre a base dunha cultura e tradición sublimes, dende tempos inmemoriais inculcouse nos nenos thailandeses o desexo de adquirir coñecemento por medio da lectura. Os pais son os seus primeros mestres e os relixiosos son os seus mentores éticos, os que guían e educan intelectual e mentalmente aos mozos tanto en asuntos terreais como espirituais.
Para crear esta pintura inspireime en recoñecidas tradicións thailandesas, que comprenden dende a narración de contos aos nenos ata a aprendizaxe mediante a lectura de textos escritos sobre follas de palmeira que se colocan sobre pequenas mesas pregables deseñadas exclusivamente co propósito de ler.
Os contos escritos sobre follas de palmeira adoitan provir da tradición budista. Relatan a vida de Buda e transmiten as historias dos "jatakas"* coa noble intención de cultivar as mentes novas e infundir nelas fe, imaxinación e principios morais.
Chakrabhand Posayakrit

* "Jataka" (en pali e sánscrito, "nacemento"): Colección de contos recompilados arredor do século IV a.Xto. cuxos protagonistas son o Buda (en sánscrito, "iluminado") e os seus discípulos en encarnacións previas. No imaxinario popular considéraselles perlas de sabedoría que abrollaron dos beizos de Buda (Siddharta Gautama) en persoa. Cada conto comeza cunha reflexión sobre o feito que motiva o seu relato e remata coa identificación por parte do Buda dos personaxes da anécdota introdutoria con persoas do pasado. Caracterízanse pola súa diversidade e humor. Divídense en "jatakas" canónicos, que suman 547 e nos que a encarnación previa do Buda é sempre un ser humano, e en "jatakas" non canónicos, relatos folclóricos anteriores á aparición do budismo aínda que os seus personaxes principais se identificaron co Buda e os seus discípulos e nos que o Buda encarnou nun animal durante as súas vidas pasadas. En todos os casos o Buda exemplifica unha virtude que o relato busca inculcar.
Os "jatakas" inspiraron numerosas obras de arte, en especial pinturas e esculturas, en todo o ámbito de influenza do budismo e recoñéceselles como antecedente de obras literarias universais como as fábulas de Esopo."

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.