Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/06/08

Hoy, Júpiter

A nosa última lectura é esta novela de Luis Landero, obra finalista dos Premios Literarios "Arcebispo Juan de San Clemente", xunto con Crematorio de Rafael Chirles e La muerte lenta de Luciana B. de Guillermo Martínez, da que xa vos falamos.
Sabedes tamén que nós non facemos crítica literaria, senón que vos achegamos as nosas lecturas do mellor xeito posíbel: con palabras de verdadeiros críticos; tampouco nos gusta falarvos do seu argumento, pois para iso xa está a contracapa do libro. Tentaremos, pois, convencervos da súa lectura como sempre fixemos e emendando os erros: non tendes máis que premer na palabra subliñada para topar a fonte.
A historia está centrada no odio, tópico pouco habitual, do que di o autor que "é unha paixón máis interesante ca o amor".
Landero desdóbrase en dous alter-ego literarios. O primeiro, Dámaso, alimenta un odio vingativo de tintes kafkianos cara ao seu pai. O segundo, Tomás, é un solitario refuxiado nos libros ao que o amor trastoca a súa existencia. Dúas biografías, a da vida vulgar, previsible e acomodada, e a da vida fantaseada, creativa e perigosa.
Falar do odio non é fácil, pero Landero conségueo sen prexuízos e sen odio.
Segundo relata o autor, o título da novela procede dunha anécdota real: hai anos, Landero visitou Santiago de Chile e toparon un vello mendigo cun telescopio e un cartel que dicía: "Hoy, Júpiter".
Estaba bien enfocado –explica Landero–, y el viejo sabía lo que hacía, pero el aparato no daba para más, así que siempre se veía un resplandor. Lo demás lo tenías que poner tú. Como en la vida, y en la literatura”.
Xa me contaredes o que opinades. A nosa lectura prolongouse demasiado no tempo e non foi unha novela "gozada", aínda así non deixamos de vola recomendar, non sen certa reserva.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.