A semana pasada quedeime coas ganas de falarvos do 9º Festival Internacional de Títeres que se celebrou en Redondela, a miña vila adoptiva por cuestión de traballo. Foron cinco días de espectáculos variados: desde representacións na rúa, actuacións musicais pasando polas programacións en sala. Aínda que por desgraza non puiden mergullarme de cheo no ambiente titiriteiro que se respiraba na rúa na fin de semana, si que chegaron aos meus oídos palabras de xente que quedou fascinada por todo o que rodea a este festival.
Unha das compañías que acudiron ao festival (e aos que puiden ver en directo) foi a arxentina "El Chonchón" que, ademais de presentármonos a súa obra "Tres Espinas", nos descubriron algún dos trucos do mundo titiriteiro. Formada polo chileno Miguel Oyarzún e o arxentino Carlos Piñero, o seu estilo non pode ser do máis sinxelo: digamos que son quen de dicir moitas cousas con moi pouco. Se unimos o humor absurdo, os xogos de palabras, a ironía e o aderezamos todo coas pingas propias da súa orixe arxentina, resúltalles moi doado engaiolar ao público en moi pouco tempo. Dou fe que todas as persoas que acudiron ao seu espectáculo saíron máis que satisfeitas.
Déixovos un videos cunha escolma dalgúns fragmentos dos seus espectáculos e, como non, é a miña obriga convidarvos a todos á 10ª edición do Festival.
Sen comentarios
Publicar un comentario