Conducín todos os quilómetros
Cara a ti
Alegre
Ou triste
Ou falando só
Ou gritándolle a néboa
Ou pedíndolle silencio ao sol
Ou negándolle rostro á lúa
Esbarando nunha autoestrada-bágoa
Longa
Continua
Ondulada
Conxelada
Cun espesor milimetricamente suficiente para resistir
Para chegar a ti
(Unha Longa Xornada Laboral)
Que acabe o día
O meu grito de guerra e desexo
Para resistir
As horas que non esteas
Os minutos que non estamos
Os reloxos de agullas lentas
Que acabe o día
Eu camiñando como se ti me observases
Eu falando como se ti me escoitases
Eu comendo como se ti me alimentases
Para comerte e comerme
As horas que non estás
Os minutos que non estamos
Os reloxos de agullas lentas
Que acabe o día
Na parte contraria a ti hai unha tristeza enorme de color cemento
Na barricada protectora dos teus ollos e da túa pel de alga boca e mastigable hai un silencio de risas e de desexo libre
Todo o que non es ti
Para min ten o ruído insoportable da miña soidade anatómico-forense
Quero formar parte da túa casa como un animal doméstico e caníbal
Quero dimitir do meu oficio de domador frustrado de melancolías transparente e torpezas rectangulares
Non quero ser eu porque quero camuflarme de vento
Vento-armario de lágrimas inquietas para que lle prendas lume
Vento-alfombra de bicos abertos para que camiñes
Quero quedarme quieto nos teus brazos
Cérrame os ollos
Quérote máis cá min
Máis cá vida
1 comentario:
Terei que mercalo, agora que o Reixa vive no norte. E terei que volver lelo, despois de cantos, vinte anos?, desde que lle lera poesía. E tamén estudar a Leiro (un tipo do máis interesante ao que sigo con admiración)
Grazas pola recomendación.
Publicar un comentario