Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/01/09

Rebecca Dautremer

Hai un tempo un amigo comentoume que tiña un libro para min. Ben, iso non significaba nada "raro", dadas as circunstancias. Cando mo deu, quedei pampa: un libro infantil?. Abrino e... namoroume. Mentres, el me explicaba que cando o vira se lembrara de min "porque ti tamén es unha princesa". Será deses detalles entrañables que nunca esquecerei .
Paladeeino e saboreeino: o libro é fermosísimo. E cometín un grave erro: non mirei o nome d@ ilustrador/a. Coa experiencia aprendín a subsanar esta clase de faltas.

Pasou o tempo. Un día entrei nunha librería especializada, desas nas que eu, desgrazadamente, non adoito entrar: literatura infantil. E topeime con axendas e calendarios baseadas no libro que eu atesouraba nos meus andeis. Por suposto, unha delas pasou inmediatamente a ser da miña propiedade. Princesas olvidadas o escondidas enfeitizárame para sempre.

A partir de aí, xa vos podedes maxinar o que pasou. Algúns destes libros pasaron a formar parte da miña biblioteca. Cando se entra nunha librería, son fáciles de localizar polo tamaño; o que máis chama a atención é o prediminio do vermello con todos os seus matices. Pensar nela é pensar nesta cor... ou cores, porque resulta incrible a cantidade de encarnados diferentes que ela nos ofrece. Pero non só destaca a cor, senón tamén a iconografía que utiliza: pura expresividade que xoga coa perspectiva.

Outro día un sms: "tes o libro de Rebecca Dautremer, "Enamorados"? Agora, xa non esquecería o nome da ilustradora-autora destes libros. Porque Enamorados chegou ás miñas mans en forma de agasallo especial. E a súa tenra historia, ademais das ilustracións, acabaron por namorarme para sempre.



Así, hai tempo que lle debía unha entrada a esta muller que fai libros fermosos discutidamente infantís. As súas ilustracións deixan ao posíbel lector/a totalmente prendad@ dos seus libros. Libros dos que pode ser autora e/ou ilustradora Os seus debuxos resultan fascinantes pola delicadeza coa que son tratados: auténticas obras de arte que nos atrapan entre a literatura e a fantasía para sempre.
Aquí podedes disfrutar dalgunhas das súas ilustracións. E aquí podedes ler unha entrevista que lle fixeron.
Que non sabedes que regalar por reis? Deixádevos seducir pola súa paixón e sensibilidade. Acertaredes sempre.












2 comentarios:

Anónimo dixo...

a verdade, si que parecen preciosos

Anónimo dixo...

Diante dunha obra destas un sempre se fai a pregunta se é máis arte ou máis literatura. Delgada a liña que as separa

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.