Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/04/09

Antes de morirme

Non, non me vou queixar das bágoas derramadas ao ler este libro: a miña benquerida Paramio avisoume. Pero con este argumento, era completamente imposíble fuxir delas: unha moza que sabe vai morrer en pouco tempo quere cumprir unha serie de desexos... ata que atopa o amor. Este é o argumento de Antes de morirme, de Jenny Downham. Pero isto non significa que esteamos ante unha obra lacrimóxena, que se comprace na recreación da dor. Non, nada máis afastado. O libro enfronta a morte desde a narración da protagonista, que sente marchar a súa vida sen facer aquelas cousas que os demais poderán facer, ou non, por ter máis tempo para facelas. Que se enfada ante a súa propia dor, que se deixa levar por ela, que se indigna consigo mesma ou cos demais... pero tamén temos o relato do amor, do que este significa, da paixón, do sexo, do desexo conxugado nun mozo que a ama ata o derradeiro instante. Conmovedora e lúcida, ás veces aterradora, triste e fermosa.
Unha novela que deberiamos ler para entender a forza do momento, para non esquecer a ledicia da vida, para vibrar. Outra lectura para o voso verán, queridas nenas!


1 comentario:

Cristina Ares dixo...

Tomo nota. Ten moi boa pinta!!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.