Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/04/09

En biblioburro

Luis Humberto Soriano leva dez anos transportando tesouros nun burro: libros. E ao levalos, convértese en mestre-bibliotecario ao sentar a ler cos nenos e fomentar o amor pola lectura. E todo isto, por iniciativa propia. Percorre pistas e camiños co biblioburro.
Diferentes proxectos téñeno apoiado: a empresa de transporte TCC construíu a primeira fase da edificación destinada á biblioteca sedentaria; a cadea de radio RCN por mediación do xornalista Juan Gossain realizou unha campaña coa que logrou unha dotación de cinco mil libros; a Caixa de Compensación de Magdalena, CAJAMAG, brinda apoio constante con recursos económicos para o bibliotecario. Na actualidade a ONG española Acción Visual xestiona un proxecto de cooperación internacional para ampliar a cobertura desta biblioteca rural ambulante.
O biblioburro leva libros co obxectivo de estimular a lectura, aportar coñecementos, dotar de material didáctico a nenos, familiares e profesores e incentivar a cohesión da comunidade a través da socialización dos libros, a lúdica das sesións e os percorridos da biblioteca rural ambulante que chega a zonas apartadas da rexión.




Vía

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.