Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/04/09

O galego, o inglés e Feijoo

Mañá recibimos ilusionados a visita de Miguel Anxo Murado. Vén falar de tantas cousas! E imos aproveitar para lembrar este artigo publicado na Voz de Galicia o 12 de marzo:

Sempre me chamou a atención o feito de que moitas das persoas que din que «o inglés é imprescindible» non saben inglés. Pero máis abraiante resulta cando parecen opoñer o inglés ao galego, como se un fose a alternativa do outro. Foi este o caso de Alberto Núñez Feijoo quen, preguntado polo galego no ensino, respondeu misteriosamente que o que lle preocupaba era o inglés. Ben está que se preocupe Núñez Feijoo do inglés, mais terá que recoñecer que a el, en concreto, o inglés non lle serviu nesta vida tanto como o galego, que foi clave na súa carreira. Como el, a maior parte dos galegos fan a súa vida en Galicia, onde se falan dúas linguas, e son esas as que lles resultan imprescindibles en primeiro lugar, se van ser funcionarios ou relacionarse con eles, ou simplemente queren participar nas conversas de moitos dos seus amigos. Aprender galego é, como pouco, unha cuestión de comodidade.

Pero a afirmación de Núñez Feijoo é aínda máis paradoxal porque non só o pobre galego non ten a culpa do baixo nivel de inglés en Galicia, senón que o obstáculo estaría máis ben no español. A dobraxe sistemática en televisión, por exemplo, é o que fai que a xente a penas escoite inglés en todo o día. Para mellorar en inglés é indispensable reducir o espazo do español nas nosas vidas. Moitos estamos dispostos, pero non está claro que quen se resenten da presenza na súa vida cotiá dunha lingua tan fácil para eles como o galego aceptasen mellor outra máis difícil. A realidade é que o argumento en favor do inglés é para eles un intento pouco sincero, e pouco respectuoso, de asociar o galego co atraso.

Se deixamos a un lado eses prexuízos, quedan certas verdades indiscutibles, gusten ou non. Durante a nosa vida non desaparecerán nin o galego nin o español, polo que para vivir nunha Galicia democrática é necesaria a competencia nas dúas linguas. Para que isto non se converta nunha carga económica, o lóxico é que eses coñecementos os facilite o Estado, o que significa impoñelos dalgunha forma. Tampouco o español vai substituír ao inglés como lingua global na nosa vida, polo que o inglés tamén é necesario. Para estendelo cómpre aprender a valorar as linguas, todas, empezando polas que falamos nós mesmos. Porque un alumno ao que aprendan a detestar as matemáticas dificilmente acabará amando a física teórica.


2 comentarios:

Beni dixo...

Coñecerse a un mesmo para coñecer mellor aos demáis. Como se pode chegar ao coñecemento de nada a partir do desprecio? Acabas de dar no clavo coas túas apreciacións. Ah! se os filósofos gregos levantasen a cabeza...
Outrosí: Murado xenial.

W. Sobchak dixo...

Nos últimos tempos xa lle escotei varias veces a Antón Reixa un razonamento moi certo: " O español ( monolingüe) ten unha visión moi pailana do mundo porque esta afeito a que toda a cultura chegue traducida a sua lingua. Deste feito faiselle dificil asimilar que exista información relevante noutras linguas".

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.