Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/04/09

O valor da cultura

Hai loitas diferentes. Sabemos de guerras, falamos delas, denunciámolas. Sabemos -ou non- de inxustizas varias; ás veces pechamos os ollos ante elas: preferimos non velas; outras veces plantámoslles caras como mellor sabemos ou podemos. Nesta loita diaria da vida, tan diferente e tan marcada segundo o lugar de nacemento (privilexiados que somos), vemos no día a día como moitas veces o noso alumnado se queixa e azanea por vir ao cole, por ter que estudar, por ter a oportunidade de adquirir unha cultura que os formará e conformará como persoas. Noutros lugares non teñen este dereito: deben enfrontarse a diferentes perigos para poder acceder á cultura.
Este é o caso dos nenos e nenas palestin@s, quen cada día deben evitar aos soldados israelís, para poder ir ao cole. Coa axuda dos seus pais, conscientes de que a educación dos seus fillos e fillas é o valor máis importante que poden transmitir. Un drama máis dentro da traxedia destas vidas.
Estes peques deben percorrer un escabroso camiño diario por tellados en ruínas, entre obstáculos e medos. Un drama que se repite nos asentamentos palestinos: os soldados israelís creban o dereito dos nen@s de ir ás destrozadas pero dignas escolas palestinas. Moitos dos nenos rematan nos ambulatorios cos brazos rotos ou os ombreiros escordados polos encontros cos militares. Nenos de 6 anos colocan táboas para pasar dun tellado a outro a máis de 15 metros do chan. Non teñen medo ao baleiro, pero si aos soldados. A violencia e a perturbación que teñen estas experiencias producen un severo impacto psicolóxico en todos eles. Son cada vez máis violentos e maceran co tempo todo o odio aprehendido na infancia para se coverter en potenciais e vingativos terroristas.



Donna Baillie, estudante de Ciencias políticas en Cambridge, é o autor do documental "Secret Hebron - The school run", que amosa a difícil travesía destes nen@s palestin@s durante o asedio á cidade de Hebrón no ano 2003. Gravado con cámara oculta, conviviu con eles para saber toda a historia.

Vía Libro de Notas


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.