Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/04/09

Una vez

Novamente, un libro sobre o holocausto nazi, contado tamén por un neno -como ocorría en "O neno co pixama a raias"-: Una vez de Morris Gleitzman fala de que todo o mundo merece que lle ocorra algo bo na súa vida, cando menos unha vez. Un libro que se le moi rápido e que está ben, sen máis. Eu creo que mellor que o do neno que mencionei, aínda que me parece que resulta igual de pouco crible que este.
A historia en si está ben: un neno que non é quen de asimilar o que está a pasar ao seu arredor. Os nazis son vistos por el como un perigo porque queiman libros, e el ama os libros porque os seus pais son (eran) libreiros. A historia, por tanto, é tenra polo contraste entre a inocencia do neno e a crueldade da realidade. Pero ás veces parece que o neno e os seus amigos medran de súpeto e actúan como maiores. Non sei de que idades estamos a falar no libro, pero volvo a atopar algo que non encaixa, como me sucedera con "O neno do pixama...". Non me acabo de crer os pensamentos e actuacións.
De todos os xeitos, é un libro fácil de ler, para o que tedes que investir pouco tempo... e estou segura de que vos vai gustar. Facede a proba! Ademais, a mensaxe que nos transmite ao final é de esperanza, que é o que máis vos gusta.
Aquí podedes ler o primeiro capítulo. A ver se vos gusta.
Acabo de ver que ten unha segunda parte: "Entonces"



1 comentario:

Vicky dixo...

A min tenme boa pinta. Xa mo prestarás.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.