Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/05/09

Asasinos do soño

Para rematar a fin de semana, volvemos ao tema que tanto nos preocupa: a morte rápida da nosa lingua. Até o de agora loitabamos contra unha morte lenta, un virus social que se espallaba dende había séculos pero contra o que xurdían antídotos de cando en vez. Agora, cun novo goberno disposto a aniquilala, teremos que buscar novos antivirais.

Este é o texto de Suso de Toro:

A nosa lingua, esta cousa antiga, o remol daquel lume que ardeu ben vivo no tempo dos reis e dos trovadores e que lle deu a palabra a millóns de persoas nesta costa peninsular e nas costas do Brasil e África. A nosa lingua, estas palabras que foron libres na República, que foron bravas contra o franquismo, que foron mansas e alimenticias como o forno do pan da casa dos avós. A nosa lingua, que nos fai "Nós", chegou a nós pola nosa debilidade.
Non foi a resistencia do pobo galego, non foron os dirixentes da nación galega -que nunca tivemos-, o galego chegou a nós históricamente vivo debido ao atraso da Galiza. Foi o abandono no que viviu unha Galiza encerrada dentro da España, que tiña as súas comunicacións por mar sometidas ás necesidades da Coroa española, que ficou separada do seu sur, Portugal, e incomunicada coa meseta sen ferrocarril axeitado e sen estradas dignas. O galego chegounos como un resto histórico que perviviu nas clases sociais iletradas e que fixo soñar aos intelectuais rexeneracionistas cun país propio e digno. A realidade histórica a mediados do século XX eran xa catro provincias, o soño chamábase "Galicia" ou "Galiza". Ese soño recreouse, unha vez máis, e chegou á miña xeración a través daqueles libros escasos e ventureiros, que andaban como unha cousa estraña por algún curruncho dalgunhas librarías. A existencia daqueles libros obrigou a plantexarnos un problema ético aos mociños que queriamos ser escritores: tiñamos que ser leais a esa esperanza tan desesperada, a ese compromiso que insistía e insistía en existir. A nosa escrita debía ser en galego. E por iso estamos agora aquí.
A vida vaise vivindo, tamén polo país pasan os anos, os períodos. O galego xa non é lingua de pobres e iletrados, eses falan castelán. E de quen é lingua realmente? Tras a morte de Franco a sorte histórica do galego estaba nas mans da democracia, que para nós é o autogoberno galego, a autonomía. Tiñan de ser os gobernos galegos quen garantisen a existencia da lingua. Xa vimos o que foron os anos na Xunta da dereita, un paternalismo que encubriu a morte lenta. A pasada Xunta bipartita foi o que foi, a frustración da esperanza, e agora chegou a hora da verdade, veu o matador do galego. Acabaron as cerimonias, acabouse o paternalismo, o matachín é práctico e pragmático, vén coa cuadrilla acabar de vez coa lingua galega. Morra o conto, di. Nin Galiza nin Galicia, catro provincias abóndanlle. Para a nosa desesperación. Fannos desesperados novamente, entregar a vida a un soño é gañar a desesperación.


1 comentario:

Anónimo dixo...

Loitar, esa é a palabra. Non podemos deixar que nos venzan.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.