Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/05/09

Citas de Piñeiro sobre a lingua (III)

Desde O menosprezo social da lingua” (1972)

Esta discriminación social por medio da diferenciación lingüística tivo como resultado o complexo colectivo de inferioridade que tan arraizado está na alma galega. Un complexo que se transmite de xeración en xeración e que, mesmo por iso, chegou a ser un trazo característico da nosa psicoloxía. Un complexo que nos grandes sectores da masa popular tomou a forma resignada pasividade, e nas minorías, igualmente acomplexadas, que quixeron fuxir desa pasividade resignada, tomo a forma de auto-desfiguración mimética, da renuncia á personalidade propia e asimilación imitativa da allea.

O menosprezo da lingua galega era cousa adoitada na nosa burguesía urbana. Tíñase por lingua rústica, ordinaria, plebea, e aos seus falantes por ignorantes, atrasados, vulgares. Esta actitude despectiva campou durante moito tempo e aínda hoxe conserva vixencia, aínda que á defensiva. Coa soberbia que lle daba o seu poderío social, ademais de autoalimentar a súa runfadela menosprezadora chegou a exercer tan brutal presión sobre a mentalidade colectiva que os propios galego-falantes tragárona por verdadeira. Chegaron a ter por certo que o falaren galego era o signo indiscutible do seu atraso, da súa inferioridade, sen caeren na conta -nin podía pedírselles tal cousa- de que a súa inferioridade radicaba no nivel de vida e non no idioma falado. Non se decataban de que a superioridade dos desprezadores era económico-social e non idiomática.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.