Hoxe rematamos con esta serie con "A defensa do idioma" (1956)
De todos os elementos en que unha cultura se afinca, o idioma é o máis radical e representativo. O idioma é xa unha gran creación cultural colectiva. En realidade, a máis grande creación cultural colectiva. Por ser obra creada por todos e posuída por cada un, é mesmamente aquilo que a todos fai irmáns, aquilo que lle dá a unha comunidade social a fisionomía obxectiva de pobo. Toda comunidade social que chega a crear unha lingua de seu, un idioma, convértese en comunidade espiritual peculiar, manifesta o seu rango de pobo. p. 111
Sexa cal sexa a situación social, o credo político ou relixioso, o emprazamento xeográfico ou a cidadanía de adopción, o vencello espiritual que a todos os galegos nos une, o sangue que a todos nos fai irmáns, a forza que nos dá unha personalidade colectiva definida e singular no concerto dos pobos, é o falarmos unha lingua propia, o posuírmos un idioma. Porque o sabemos, uns de maneira consciente e outros de maneira instintiva, é polo que o queremos conservar, polo que o queremos defender, polo que o queremos prestixiar. p. 112
Desde a Biblioteca do IES Fontexería de Muros, estoutra presentación:
Sen comentarios
Publicar un comentario