Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/05/09

Tigre blanco

Coa procedencia deste libro, o resultado tiña que ser este. E é que o libro mo deixou "la Paramio", coa que coincido normalmente no que a gustos literarios se refire (entre outras cousas).
Tigre blanco
de Aravind Adiga, premio Man Booker 2008, retrata unha sociedade triste con sentido do humor. Con el viaxamos ao corazón da India, un país dividido polo sistema de castes, un lugar onde os seres humanos, ás veces, deben sacar o peor de si mesmos para sobrevivir, un sitio desolador moi afastado desa India idílica que nos retrata Bollywood. Unha realidade contundente cunha narración mordaz e ferinte, pero máis ca nada, exacta. Unha lectura que custa interromper, chea de sarcasmo e ironía que nos fala de falsos valores, de corrución extrema, de condicións de vida inhumanas, de diferenzas sociais, de cartos e de anceios. E o que máis chama a atención é, repito, ese sentido do humor que pulula nas liñas do texto, que nos fan afastar as bágoas que puideran xurdir ante o sórdido da situación, ante unha realidade cruel que normalmente preferimos esquecer.
Un libro máis que recomendábel que tod@s deberiamos ler para achegarnos á India de verdade.
Grazas, Luz, polo libro e pola recomendación.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.