Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/06/09

Optimismo

No blogue de A profa coñecemos este texto de Rosa Aneiros, publicado no blogue da Editorial Galaxia o 7 de abril deste ano:

Son optimista. Porque quero e porque me dá a gana. Porque o esforzo e as angueiras de tantas persoas que nos precederon non poden ser de balde. Porque creo que os discursos políticos enzoufan as preocupacións pero atrás diso non hai nada. Porque unha mentira mil veces repetida non constrúe unha verdade. Porque é responsabilidade compartida por todas e por todos evidenciar os datos, os feitos, os argumentos dende a autoridade que dá, non xa a razón, senón o mero sentido común. Porque non valen os silencios que claudican, a calada por resposta fronte aos ataques pero tampouco a demagoxia que nos igualaría na mediocridade argumentativa. Porque renuncio aos insultos como concesión pouco intelixente á provocación. Porque morrer tamén é reiterar ata a saciedade que morremos. Porque hai leves síntomas inequívocos de que algo se move. Por iso creo que a nosa lingua non é, como pretenden convencernos, algo inútil senón unha marabillosa ponte coa que soñar mil primaveras máis. Serao en canto sigamos crendo nela como ferramenta de comunicación e de futuro. Namentres sigamos dicindo quérote e paxaro. Repolo e bos días. O pesimismo só vale para acugular fracasos porque, quen apostaría a cabalo perdedor? Nego calquera concesión á derrota. Son optimista. Eu creo.

Rosa Aneiros



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.