Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/06/09

Peaxes

Non me disgustou nada este libro de Santiago Lopo, Peaxes, que desenvolve unha idea na que supoño tod@s temos cavilado nalgún momento cando pagamos na autoestrada, aínda que cae nalgúns tópicos (topiquísimos) e se deixa levar polas boas intencións con algúns trazos de denuncia que non chegan a medrar; aínda así, unha novela curta de fácil lectura e trato agradable que sintoniza cun día a día dun traballador da peaxe que prefire non tolear dentro do seu cubículo maxinando a vida daqueles e daquelas que pola súa ventá pasan cada día. Curiosa resulta a maneira de introdución de cada novo capítulo cun anaco tirado de cancións que supostamente as personaxes escoitan nos seus coches e das que se nos dará ao final do libro unha perfecta relación, pero que case podemos escoitar nós tamén -de coñecérmolas- coa lectura; unha música diferente segundo sexa quen conduce o coche: unha información decisiva sobre as súas personalidades.
Quizais o peor sexa o final: un final marabilloso case de conto de Disney.
Pero unha lectura agradable para unha hora de descanso antes de coller a estrada.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.