Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/06/09

Péchanse os libros

Primeiro tiraron a música galega da radio. Agora pechan os poucos libros que se abrían na Televisión. Pronto a lingua no lixo... A cultura galega está de sorte. E nós con ela.
E é que parece que tamén desaparecerá o programa "Libro aberto" da TVG:

Luís Rei asegura nun comunicado que “os responsábeis da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005”, polo que queda no aire a continuidade dos programas 'Miraxes, 'Planeta Cine', 'Alalá', 'Onda Curta' ou 'Ben falado!'.

Polo de agora, só confirma a desaparición de 'Libro Aberto', que se emitirá por última vez o 24 de xuño. O director do programa, e até o momento responsábel da área de Cultura da compañía, lamenta que a canle pública “perda un espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura”.
Nese tempo, emitíronse 127 programas, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; e monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte.
Ademais, 'Libro Aberto' obtivo o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e, segundo o seu responsábel, acadou unha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.
Luís Rei considera que “pechar para sempre un espazo dedicado aos libros sería un gravísimo paso atrás”, polo que formula o desexo de que en setembro a Televisión de Galicia “volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións”.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.