Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/07/09

Manuel Rivas: entrevista

Lede con atención esta entrevista a Manuel Rivas sumamente instrutiva sobre a situación lingüística, social e política que está a vivir o noso país, con frases tan lapidarias coma:

Ás veces imaxino que realmente puxeron oficinas de deconstrución do galego, reformando esas criptas secretas que antes tiña o bipartito para a construción nacional, con xardín zen e todo.

Estamos nun estado de perturbación... Todo o que está a pasar lémbrame a algunhas experiencias de xogo futbolístico da miña infancia. Vías que estaba a pasar algo no campo, e que o xogo transcorría segundo unhas regras. De súpeto, aparecía unha treboada que o trastornaba todo, como se houbera unha negra sombra que comezase a mover vontades. Aquí pasou algo semellante. Alguén xogou a dinamitar as pontes simbolicamente e, agora, estannas a voar de verdade. Penso que non hai unha conciencia clara por parte dos que alimentan a dinámica desta guerra lingüística do que significa o galego para este país como patrimonio, recurso e símbolo. Non entendo como este Goberno, coa actitude que ten, pode reclamar unha posición de “unidade galega” para a reforma do financiamento autonómico, coma se este fose un asunto esgazado da nosa identidade.

Esta actitude tan agresiva deixou perplexo ao pobo. É posible que volva o tempo das listas negras, e os recortes vaian máis alá da lingua e do territorio. Pode que derivemos nunha dinámica de amigos e de inimigos. Un exemplo é a utilización da televisión pública para lanzar unhas acusacións inquisitorias contra a Mesa Pola Normalización Lingüística, sen dar pé a réplica. Foi unha agresión hostil á sociedade civil que me recordou aos tempos de Nunca Máis. Todo isto conforma unha situación realmente preautonómica. Estamos nun estado de substracción da autonomía, da lingua e da identidade. Se un recurso tan importante como é a lingua non vale moito, se un Goberno deixa que as empresas decidan sobre o territorio, se malvendes o país que gobernas, que podes pretender. Ti mesmo estas a desvalorizarte.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.