Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/07/09

Tomar a palabra

Artigo de Henrique Monteagudo no País:

A estas alturas, é claro que a axitación demagóxica contra o galego dos dous anos pasados se inscribiu nunha tentativa deliberada de escachar o consenso lingüístico, con dúas finalidades básicas: degradar a situación do propio idioma e procurar vantaxes políticas tanto en Galicia coma cara a Madrid. Como parte desa estratexia, despregada con estronicio na campaña electoral e febrilmente escenificada nos tres primeiros meses do flamante goberno, estase facendo correr a aloia de que a cuestión lingüística foi determinante na vitoria electoral de Núñez Feijóo. Dous inquéritos realizados polo Centro de Investigaciones Sociológicas (un anterior e o outro posterior ás eleccións de marzo) ofrecen datos suficientes para desmentir ese interesado ruxerruxe.
Canto influíu a polémica lingüística no resultado electoral? A política lingüística do goberno bipartito conseguiu unha ampla aprobación no electorado: na enquisa postelectoral, era considerada como moi boa ou boa polo 27,3% dos enquisados, regular polo 39,8% e mala ou moi mala polo 23,2%. As respostas á pregunta sobre como o faría un goberno do PP van no mesmo senso: un 24,5% considera que o faría peor, un 32,3% igual, e un 22,5% mellor. Doutra banda, as trucadas de Feijóo contra o galego obtiveron moita menos atención do electorado do que se adoita pensar: os temas que se perciben como máis debatidos durante a campaña electoral foron a economía (29,2%), o paro (8%) e o Audi de Touriño (4,1%), e só un magro 1,8% apunta á política lingüística.
Doutores ten a socioloxía para debullar máis polo miúdo eses inquéritos, pero o máis que se pode dicir é que a propaganda anti-galego mobilizou un sector extremista do electorado e atraeuno cara ao PP; un sector que, aínda de dimensións minúsculas, dada a situación de virtual empate, puido resultar decisivo para mudar o resultado. O risco obvio é que a forza gañadora quede presa desa franxa marxinal e acabe perdendo apoios dentro da ampla maioría moderada. De aí, probablemente, o frenético activismo da Xunta durante estes meses, verdadeiramente digno de mellor causa: hai que convencer a cidadanía de que acaba de ser liberada dunha feroz ditadura lingüística, para o cal é imprescindible popularizar o conflito lingüístico. É que se continuamos sen decatarnos, nunca poderemos agradecer o inmenso favor que nos fixeron... O que se deduce de todo o dito é que o idioma galego tornouse en pura carnada electoral. Lamentable.

- O bombeiro pirómano

Debemos recoñecer que Feijóo nos colleu a contrapé. Quen subscribe estas liñas advertía hai un par de anos que coa súa oposición á política lingüística do Goberno bipartito (que consistía nunha aplicación fiel do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004, gobernando o PP e con Feijóo como vicepresidente), o daquela líder da oposición se metía nunha silveira. Emporiso, á volta das eleccións que acababa de gañar, en marzo deste ano, aventurabamos que, unha vez no poder, feitas un par de concesións ao seu discurso preelectoral, Feijóo procuraría saír da silveira. Craso erro pola nosa banda. Estamos perante un auténtico campión do pragmatismo nihilista, un trazo autodestrutivo que Ortega y Gasset apuxo agudamente á Galicia aldeá (o filósofo non enxergou que tal actitude é conxenial coa Galicia señoritinga). Ben metido na silveira, o presidente decidiu plantarlle lume. Difícil de acreditar.
Tal como están as cousas, ninguén pode dubidar de que a decisión de Feijóo de rachar o dito consenso era estratéxica, estaba coidadosamente calculada (custos, beneficios e implicacións políticas) e non ten marcha atrás. Enganámonos moitos ao pensar que algúns acenos do recente presidente da Xunta debían ser interpretados en termos de procura dun certo acordo transversal: tratábase de arteiras xogadas políticas no marco daquela estratexia de bombeiro pirómano. Arestora, a aposta polo todo ou nada está directamente sobre a mesa, e sería de parvos chamarse a engano.
En máis dunha ocasión tense argumentado que ao degradar o galego o señor Feijóo non fai máis ca cumprir o seu programa electoral. Pero o que en realidade está a facer este goberno é escachizar, contando cunha maioría exigua (de feito, con menos votos cá oposición), un consenso sobre a lingua que se foi construíndo laboriosamente ao longo de case tres décadas, e que se apoia en normas aprobadas por unanimidade no Parlamento, desde a Lei de Normalización Lingüística de 1983 ata o devandito Plan Xeral de Normalización (nos dous casos, gobernando o partido conservador). Non se cuestiona a legalidade da viraxe política do PP, pero si a súa lexitimidade. Acordos básicos para a convivencia dun país non se desfán (porque tampouco se fan) unilateralmente, con apoio en maiorías pola mínima. O peor é que o que custa ferro e fariña facer entre todos, poden desfacelo uns poucos dunha patada. E o consenso lingüístico non levou unha patada, pegáronlle unha auténtica malleira.

- Ollar para adiante

O futuro, pois, non vai ser doado. O que lles queda aos partidos da oposición é definir unha nova política lingüística e enxeñar unha maneira distinta de levala á cidadanía. Ambos os dous precisan facelo, e non debera ser imposible chegaren a posicións compatibles. O PSdeG está en condicións de forxar un discurso integrador en clave federalista, que para ser crible necesita dunha boa articulación no conxunto de España e dunha defensa coherente en toda Galicia. Zapatero acaba de dar bo exemplo, cos 29 millóns de euros transferidos para o galego (por favor, señorías, vixíen o destino deses fondos!!). O BNG puidera facer da necesidade virtude e aproveitar a situación para renovar da cima ao cabo o seu diagnóstico, as súas propostas e os seus modos de defender o galego, todos eles enferruxados: carece de sentido aferrarse á caduca teoría do conflito lingüístico, á falsa e nefasta (por excluínte) asociación entre o galego e o nacionalismo, e á defensa do monolingüismo como única opción de futuro. O momento require unha severa autocrítica, pero esta non consiste en laiarse polo que puido ser e non foi.
De certo, existe unha Galicia ben máis viva, capaz e amorosa do seu idioma do que algúns medios queren crer, e esta Galicia non vai deixarse asoballar pola vella nin a nova Galicia retorta, badoca e servil. O idioma galego está comezando a dar mostras dunha renovada vitalidade, albíscase unha recuperación histórica e no camiño gañado non imos recuar da noite para a mañá. A oposición ten que ser capaz de erguer un proxecto atractivo de país. Se o consegue, os designios do Partido Popular cara ao atropelo do galego e a deturpación do autogoberno obterán a resposta social que merecen, o que a medio prazo pode reportarlle ao PP uns custos insoportables. Entrementres, é a Galicia culta, dinámica e consciente a que ten que erguer a voz e tomar a palabra.


1 comentario:

Anónimo dixo...

Coincido plenamente no voso comentario.Chegou o momento de tomar a palabra, de dicir claramente que mexan por nós, tamén de unirnos e proclamar o noso orgullo por termos un país e unha lingua que non exclúe outras, ningunha, amámolas todas, porque nos gusta a diferenza.
Será o BNG capaz de facer o que aconsellades? Vaille a vida niso
E o PSOE clarificará a súa postura a respecto do galego entre a súa militancia?
Serán capaces de transmitir unha mensaxe clara e valente á cidadanía que exhiba a súa distancia do PP?

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.