Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/07/09

Unha primavera para Aldara

A miña amiga Rosa volve aos seus bos costumes e agasállanos cunha súa opinión sobre a súa última lectura. Grazas, Rosa.

Son aínda bastante escasos os textos teatrais que se publican en galego e, dentro do que se edita, boa parte deles son máis para ver en escena que para ler. Porén, Unha primavera para Aldara de Teresa Moure foi un deses textos dramáticos que me “encheu” coa lectura: primeiro, porque non tiven que estar completando mentalmente unha posta en escena para entendelo e segundo, porque está cheo da vitalidade, a rebeldía e a frescura que caracterizan a escrita desta autora.

A acción sitúase nun convento feminino do século XV; digamos que as monxas non se corresponden co que acostuma a mostrarnos a tradición (masculina). O conflito central desencadéase cando un cabaleiro ferido pide acubillo no mosteiro.

Consegue manter o noso interese ao longo de todo o texto porque a intriga está convenientemente dosificada, a linguaxe ben traballada e, aínda que se sitúa nunha época tan afastada, dinos moito hoxe en día porque se trata dunha obra sobre a liberdade e o dereito a amar, a decidir; en definitiva, o dereito a existir plenamente como mulleres.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.