É común entendermos a fobia como unha caste de aversión persistente e irracional desencadeada pola presenza de algo específico, e así como existe a bibliofobia (aversión polos libros), a hobofobia (aversión cara aos mendigos) ou a triskaidekafobia (medo ao número 13), dun tempo a esta parte localizouse nun segmento da sociedade galega, moi mimado politicamente pola actual dirección do PP, unha sorte de fobia contra o galego como idioma: a galegofobia. Existe, pois, unha fobia que se expresa no plano dun sentimento de odio ou rexeitamento cara a todo o que significa idioma galego, e chega a adquirir este sentimento fóbico unha complexidade de orde social e política que, se recorremos a Freud e á psicanálise, ben se podería relacionar con conflitos centrados no pasado persoal e nunca resoltos. ¿Terá algo que ver todo isto cunha caste de desprezo, moi común, por outra banda, en certos sectores urbanos da sociedade galega, polas raiceiras aldeás non aceptadas polo “eu” actual conflitivo de determinados individuos? ¿E existirá nese odio ao idioma, sempre relacionado coa aldea, un autodesprezo profundo e escuro, nunca recoñecido, e sublimado, en cambio —satisfacción paradóxica—, a través dunha determinada posición social e económica actual?
Atrás fican palpitando na historia as palabras de Antonio Nebrija, escritas no ano 1492, que expresaban (sic) que “después que vuestra Alteza metiese debaxo de su iugo muchos pueblos bárbaros y naciones de peregrinas lenguas, y con el vencimiento aquellos tenían necessidad de recebir las leies que el vencedor pone al vencido, y con ellas nuestra lengua (...)” Textual. Mais na proxección do etnocidio e da galegofobia —nación a nosa de “peregrina lingua”— ben que traballaron as sombras do franquismo, presentes aínda hoxe, e con renovada frondosidade españolista, entre nós. Non hai máis que observar certas personaxes hoxe recoñecíbeis pola súa galegofobia. Unha delas, por exemplo, defende sen pudor político algún que hai que modificar a Lei de Normalización Lingüística, porque “se refiere a aspectos de la identidad de los gallegos que consideramos inaceptables”. A actual LNL foi aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego en 1983, e presidía naquela altura a Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor. No seu preámbulo a Lei di que “a lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade. Únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo, e uniranos co seu futuro, porque a recibirá de nós como legado da identidade común”. ¡Ollo coa galegofobia organizada! Quere destruír, atraendo para si a actual dirección do PP —e isto teno ben doado—, o maior signo de identidade dos galegos.
Sen comentarios
Publicar un comentario