Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/08/09

A sedución da lingua galega

Artigo de Pablo G. Mariñas hoxe no Xornal:

A enquisa sobre o galego dada ao coñecemento público o pasado venres dá conta, por riba de cuestións de fiabilidade e corrección técnica -fracas na miña opinión-, un panorama opinativo da sociedade galega nada proclive aos absolutos. Isto non constitúe unha novidade falando de Galicia, mais debe orientar o noso esforzo para evitaren espiñas e esquinas, xusto o que queren promover aqueles que buscan facer da nosa lingua un problema separador.

Galicia Bilingüe e máis o PP partiron dun absoluto palmariamente falso, o de que o castelán está en perigo en Galicia. E, sobre esa falacia, construíron unha estratexia interesada que, apoiada polos consabidos corifeos mediáticos, tivo certo éxito que a enquisa reflicte.

O primeiro que sorprende é que un Goberno lle pregunte aos pais dos alumnos que hai que facer coa lingua propia. É tanto disparate como lle preguntar á xente se habería que se desprender de A Gudiña ou da Mezquita, porque quedan lonxe e se cadra conviría cederllas á Zamora. Ou como someter a referendo se a muiñeira ou o noso pasado castrexo deben ser borrados do mapa da historia como cousas antigas e sen valor, das que mesmo haberíamos de nos avergoñar colectivamente. Os excesos “publicitarios” desta Xunta non se limitan a encerrar no garaxe os Audis que eles mesmos compraron, senón que alcanzan tamén esta outra dimensión, grave e preocupante, da para eles molesta identidade galega.

Non sería moito pedir que a Xunta tivese un aquel máis de “hemisferio esquerdo” (sei que é difícil) no tratamento destes temas fulcrais. Isto alude a dúas cuestións: primeiro, que os absolutos, e máis se son tácticos, deben ser pasados pola peneira da intelixencia. Escribiu Michel Tournier que “a intelixencia é a facultade de relativizar os absolutos que nos ofrece, en bruto, a experiencia”. E, segundo, que en materias desta natureza cómpre dar un paso máis, o paso da intuición, de albiscar, querer e profesar a idea de país, con toda a súa riqueza e potencialidade, con toda a súa capacidade de unir fronte a “noite escura” do uniformismo empobrecedor.

Se esta linguaxe, que é case unha pregaria, resulta unha estupidez para a Xunta, entón non temos esperanza. Porque hai que practicar a sedución coa nosa lingua, que sexa querida porque si, por devoción e por orgullo de cultura. E isto non se fai dende absolutos dogmáticos e practicistas e, aínda por enriba, falsos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.