Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/08/09

Segregación

Artigo no Xornal, hoxe:

Tras unhas semanas nas que semellaba que a idea estaba desbotada –días que coincidiron coa ritual explosión galeguista do 25 de xullo– a posibilidade de que a Xunta o PP segregue aos alumnos por motivos lingüísticos volve estar enriba da mesa. Logo de que o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, deixase esa decisión en mans do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, fontes do departamento confirmaron que esa opción é unha das que se manexan, se ben ao mesmo nivel que outras moitas e sen ser en ningún caso a prioritaria. Pero existe unha fórmula, que está a ser barallada en San Caetano, que ademais permitiría que o PP presumira de cumprir o seu programa electoral sen chegar a ceder completamente ás posicións de Galicia Bilingüe ou grupos similares, pero achegándose bastante.
A Xunta estuda implantar unha segregación mixta ou light por razóns de lingua nos centros educativos galegos, reducida só aos primeiros anos e en poucas materias, no tramo de infantil e secundaria. Precisamente, na discutida consulta aos pais foi neses sectores onde máis forza obtiveron as posicións a favor da preponderancia do castelán, postura que non foi maioritaria no cómputo xeral, onde gañou o uso das dúas linguas oficias. Porén, o propio Feijóo destacou os datos procastelán, indicio de que o decreto que substituirá ao do bipartito planea tratamentos distintos segundo as idades escolares, algo que tamén ten suxerido o conselleiro do ramo e incluso o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Este último, das críticas aos que falaban de imposición do galego ten pasado a posicións nas que abre vías de separación nas aulas. Lorenzo, segundo as súas propias declaracións, amósase en contra da segregación total dos rapaces, pero non nega que o decreto podería impulsar unha separación parcial, por tramos, o que chama un “modelo mixto”. Na mesma liña móvese Feijóo, que dixo estar en contra da división nas escolas pero matizando que só cando esta é “xeneralizada”.
O propio programa electoral do PP explica a idea –cualificada de apartheid pola oposición– que agora valora a Xunta: “Garantir que se respecte o dereito dos pais e dos nenos a elixir a súa lingua materna; e garantir que todos os alumnos sexan acollidos no sistema educativo nela, e introducidos progresivamente na outra lingua oficial”. Iso, en forma de clases separadas nos dous primeiros ciclos, é unha das opcións con máis posibilidades das que estuda a Xunta".

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.