Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/09/09

Ás de bolboreta

Estou un pouco perplexa. Que Rosa Aneiros é unha gran escritora é indiscutible: manexa a palabra con fluidez e delicadeza. Porén este libro, Ás de bolboreta, recente Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, deixoume un pouco atónita. Por unha parte, está o fallo dun fío argumental case inexistente que semella resolver apresuradamente ao final do libro; por outra, está a fermosura de cada capítulo independente.
Totalmente en contra do libro: costa seguir as historias (algunhas non sabemos a que se deben), hai demasiado lirismo para ser un libro xuvenil e o final semella de conto de Disney ou de novela rosa. Desde logo, non me parece un libro de "literatura xuvenil" e non creo que guste ao meu alumnado; dá a impresión de que a escritora non coñece como cre a este tipo de lectores. Quizais se o libro se le sen orde lineal o resultado sexa mellor. Quizais.
Con historias actuais, que foxen de feblezas e sensibilismos, achegámonos á crúa realidade da morte, da vellice, da inmigración, da guerra, da soidade, da violencia de xénero... que conflúen nun bar calquera dun recuncho calquera. Son tantas as historias que son demasiadas: é que a autora quería mencionalas todas nun só libro?. Sobra este estado de corrección no que todos os temas son importantes e de todos eles hai que falar, sen esquecer ningún. Mesmo ese suicidio novelesco do final, tan sobrante, resulta patético nunha obra que pretendía ser realista socialmente.
E despois de todo, queda un espazo para a esperanza, e quizais ocorra que aínda teñamos futuro e, coma o pai de Manuel, pousemos a carteira para sermos quen de botar a andar doutro xeito e deixemos saír sentimentos que normalmente permanecen agochados.
En conxunto, a obra defraudoume e non respondeu ás expectativas que dela me creara. Agardo ter máis sorte co premio Xerais.

3 comentarios:

A profa dixo...

A miña amable discrepancia :)

http://aprofa.blogspot.com/2010/05/sobre-as-de-bolboreta-de-rosa-aneiros.html

Apertas

Ronsel dixo...

Isto é o marabilloso da literatura e da arte: as discrepancias. Recoñezo que non me gustou, nin lle gustou a ningunha das persoas que me rodeaban nese intre: compas e alumnas, a quen lles pedín que o lesen por ver se eu andaba moi errada.
Un bicazo, profa!

Ronsel dixo...

Aínda que teño que engadir, que despois de coñecer a autora, gustoume algo máis, porque Rosa é, simplemente, marabillosa. (en dúas palabras, vaia!) Pero sigo a crer que pretendía abranguer demasiado... ou iso me pareceu.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.