En EL CORREO do día 3 viña un artigo de opinión titulado Coruña, que nun principio versaba sobre o topónimo e acababa cun novo ataque ó ensino en galego. Sobre o topónimo xa ditaminaron hai anos as máximas autoridades lingüísticas deste país e nada teño que engadir, pois non son tan atrevido como outros.
O que si lle quería dicir ó articulista que ese chascarrillo do "sete ó caldeiro", atribuído a un profesor de matemáticas dun instituto do norte de Lugo (canto máis lonxe mellor), é máis vello que andar a pé e xa o teño escoitado ós "castellanos de Castilla", posto que neste idioma tamén hai "calderos y cubos" que poden facer rir utilizados en distinto nivel de lingua. Mentres non se cite a ese profesor da frase, con nome e apelidos, consideraremos que só é unha mentira máis -"elevada al cubo (o al caldero)"- das moitas que se levan publicado contra o galego.
Os profes de matemáticas que dan as clases en galego son tan licenciados universitarios como os que as dan en castelán. Eu tamén lle podería contar o chiste daquel pai que vai ó colexio protestar porque o fillo non entende as palabras raras en galego do profesor de Historia. "¿E cales son esas palabras raras en galego?", pregunta o director. "Pues le son: paleolítico, neolítico, megalítico?".
O propio articulista bota man dos prexuízos contra o galego cando afirma que o noso idioma é parco en termos científicos. ¡Como se o castelán fose o idioma internacional da ciencia, vamos! A isto xa lle contestaron cualificados científicos galegos que traballan no Centro de Investigación Nuclear de Xenebra. E tamén lle están contestando de ano en ano os responsables do programa ConCiencia do Consorcio compostelán, que traducen do inglés ó galego e ó castelán indistintamente as conferencias dos premios Nobel que traen.
Para colaborar co "noso" goberno na súa vergonzosa cruzada antigalega utilicen uns argumentos menos burdos e non insulten a nosa intelixencia, que o galego, con mil anos de historia, non é un idioma recén chegado ó concerto internacional.
Sen comentarios
Publicar un comentario