Xa falamos anteriormente de que unha das nosas actividades este curso foi asistir á representación da obra Comedia bífida. Falamos tamén da crítica de Galicia Bilingüe a esta. Agora é Prolingua quen contesta:
Ante a polémica xerada pola posta en escena da Comedia bífida de Manuel Núñez Singala, incluída dentro do programa ‘Bocaaberta’ ProLingua fai as seguintes consideracións:
- A Comedia bífida, creación literaria baseada en comportamentos reais, contén unha reflexión sobre o uso que a sociedade galega fai da súa lingua. A disección que realiza da diglosia leva á conclusión de que os prexuízos lingüísticos fan ridículo e patético a quen os mantén.
- Que un comportamento diglósico e prexuizoso mova ao riso, e máis se está esquematizado sobre o escenario, non lle debe estrañar a ninguén. Así vén sendo dende que apareceron na sociedade personaxes con estas características. As literaturas de todas as linguas con situacións de substitución lingüística están cheas de exemplos, tamén a do mundo hispánico en casos de convivencia desigual de idioma (p.ex. Estados Unidos). En Galicia a utilización destes personaxes é común tanto na literatura feita en galego coma en castelán. O conto El Cadiceño de Rosalía de Castro é tamén un magnífico exemplo.
- En España os grandes esforzos dos galegos que queren ocultar as súas orixes e pasar por casteláns sen que se lles note a procedencia tamén son ridiculizados e estereotipados dende hai séculos. Un bo exemplo témolo nos personaxes que o cinema español reservou durante moitos anos para seren interpretados por Xan das Bolas e Xan das Canicas ou Beatriz Carvajal, caso máis grave, se se quere, por ser de tempos máis recentes e contar cunha caixa de gran resoancia como é a TVE . A nós doíanos vernos representados así; eles divertíanse moito cando nos vían así retratados, porque esa era a visión colectiva que tiñan de nós. Nada importaba que nós tiveramos outra opinión.
- Non resulta doado enfrontarnos coa propia imaxe cando esta é reflectida a través do espello dos máis. Comprobar que un comportamento que se considera razoable, imitable, modélico... provoca as gargalladas doutros pode resultar moi desacougante e molesto, sobre todo cando un está no convencemento de que ese é o camiño -feito de renuncias e de desprezos- para conseguir a prevalencia social sobre a maioría.
- Intentar eliminar as opinións desfavorables que os demais teñen de nós facéndoas calar reflicte unha ideoloxía que, independentemente do nome que se lle dea, nega cada unha das acepcións da palabra liberdade.
Apelando ao dereito á liberdade de expresión e de opinión e recorrendo ao deber (e ao dereito) de defender, difundir e promocionar a lingua galega, ANIMAMOS:
- A Manuel Núñez Singala a continuar creando textos dramáticos que xiren ao redor da lingua galega.
- Ás editoriais galegas a seguiren escollendo estes materiais para promocionar a lingua galega.
- Aos poderes públicos, que legalmente están obrigados a potenciaren a lingua galega, a que continúen con estes programas de promoción da lingua galega e a que poñan en marcha outros que busquen a superación dos prexuízos e actitudes negativas, imprescindible para a reversión da perda de falantes.
- E a todos os centros de ensino, obradoiros de teatro, compañías profesionais, etc. a seguiren programando obras deste tipo.
1 comentario:
O noso apoio total a prolingua e a Manuel Núñez Singala, co cal se recuperou no noso centro a tradición das representacións teatrais con "O achado do castro". A historia da literatura está chea de personaxes estrafalarios e hipócritas que non son conscientes de que o son, pero como dicía, creo que Parménides "o que é é e non pode non ser"
Publicar un comentario