Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/10/09

Galicola

Hoxe en Vieiros:

Nin Pepsi nin Coca: a lingua refréscase con Galicola

Unha asociación lanza unha bebida de cola para xuntar recursos económicos para a normalización do galego.


Aqueles que renegan das multinacionais ao tempo que se refrescan cunha Coca-Cola xa poden poñer remedio aos seus problemas de conciencia. A Asociación Cultural Fontaira vén de lanzar a alternativa galega ao refresco global: a Galicola. Desde este mes empezan a distribuíla por bares, centros sociais e tendas de alimentación de toda Galiza, nunha iniciativa que propón “unha oposición consciente á globalización e o capitalismo” e ten como fin último xuntar recursos para asociacións que traballen na defensa e normalización da lingua galega.

A Galicola estase comezando a distribuír en botellas de plástico de 33 centilitros. Embotellada nunha fábrica de bebidas galega, a cola do país non ten cafeína. Por agora producíronse 5 mil unidades, que servirán para calibrar a demanda e “marcar próximas tiradas”, explica Paulo Tobío, un dos promotores da iniciativa. Estima que a final deste mes terán unha relación dos puntos de venda nos que se pode atopar, que publicarán na web do proxecto: galicola.org.

Apoio á lingua
O lema da Galicola é “Sabor para a túa lingua”. A iniciativa non ten carácter lucrativo, polo que todos os beneficios que se xeren, descontados os gastos de produción e distribución, irán para a asociacións que traballen a prol da normalización do galego. Ademais, o 5% dos ingresos brutos destinaranse a este fin a través dun “fondo polo galego”.

Para determinar o destino dese fondo, a Asociación Cultural Fontaira convocou o concurso Ángelo Casal. Animan a entidades sen ánimo de lucro a que antes de final de ano envíen os seus proxectos para promover a lingua. A partir do 1 de xaneiro exporanse na web, os mellores serán escollidos por votación popular e o 17 de maio baleirarase o fondo para entregarlle os cartos ao mellor proxecto.

A Coca-Cola médranlle as alternativas
A opción galega é a enésima alternativa a Coca-Cola que nace no mundo motivada por unha oposición ao modelo de economía e cultura globalizadora asociado á marca estadounidense. En moitos casos, as propostas teñen un fin social, dedicando parte dos seus beneficios a iniciativas solidarias.

É o caso da máis coñecida de todas, a Mecca Cola. Creouna en Francia no 2002 o tunecino Tawfik Mathlouth, e distribúe arredor de 2 millóns de botellas mensuais en 60 países do mundo. Co lema “Para que outro mundo sexa posíbel, outro consumo é necesario”, anúnciase como a alternativa musulmá á bebida estadounidense e adica o 20% dos beneficios á caridade en Palestina e Europa. A Mecca Cola inspirou proxectos similares como a británica Qibla Cola, a Arab Cola e a Cola Turka. Á súa vez, segue o modelo da iraní Zam Zam Cola, símbolo do antiamericanismo desde a Revolución Islámica, e hoxe estendida por Oriente Medio.

Coa Galicola, Galiza segue o camiño de Bretaña coa súa Breizh Cola, e Euskadi coa Ehka Cola (Euskal Herriko Kola Alternatiboa). Dous mozos cataláns iniciaron en 2004 o proxecto Som-os Cola, que destinaba o 51% dos beneficios a fins solidarios, pero non durou máis de dous anos.

Entre as alternativas ao refresco universal destaca a da comunidade indíxena Nasa, de Tierradentro, Colombia. Empezaron a comercializar a finais de 2005 Coca Sek, unha bebida gaseosa a base de follas de coca. Dous anos despois, o goberno colombiano eliminouna dos andeis dos supermercados.

1 comentario:

Anónimo dixo...

e que tal sabera?

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.