Estes álbums ilustrados acaban comigo. Economicamente, claro, porque visualmente enriquécenme cada día máis. Cada vez que vos traio ata aquí teño o antollo de exclamar que é imprescindible nos andeis da nosa biblioteca. Porque desprenden tanta maxia...
O texto de Christian Grenier e as ilustracións de François Schmidt evocan neste libro, El tirano. El Luthier y el tiempo, editado como non por Barbara Fiore, un mundo pasado de reis e princesas, un mundo de oralidade e cántigas, de tradición longamente esquencida. O libro xoga cos contos tradicionais tanto na ilustración coma no texto e lévanos a reflexionar en verso, igual que se facía antigamente.
Un texto filosófico e cruel sobre o paso do tempo que fala con música e con novas melodías. un metrómono que ten o poder de chegar a converternos en po. O poder da palabra para crear a realidade. Unha historia de grandes escenarios e ilustracións apenas coloreadas que converten o álbum nunha pequena xoia. Impresionante.
Sen comentarios
Publicar un comentario