Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/11/09

Tuco Cerviño sobre o galego

Vía O café na Trincheira achégovos unha intervención no Parlamento sobre a nosa lingua:

Intervención do deputado, Francisco Cerviño González, no debate da Interpelación sobre as previsións de respecto dos dereitos e das liberdades de uso da lingua galega en Galicia; na sesión plenaria do día 13 de outubro de 2009

Señor presidente

Señoras e señores deputados

Volver empezar.

Como Penélope. Mais neste caso, o manto de recuperación da lingua galega, tecido ao longo destes 28 anos de autonomía e democracia por moitos e moitas penélopes, quen o desfai non é a propia Penélope, como na Odisea, senón o Polifemo, Núñez Feijóo, como un xeneral metido no seu propio labirinto. Construído por el de maneira oportunista e irresponsable cos materiais aportados polo pensamento máis reaccionario do ultranacionalismo español a través das súas terminais políticas na Rúa Génova, das súas terminais mediáticas en Madrid, e en determinadas organizacións e nalgúns medios galegos, que so capa da liberdade agochan un pensamento reaccionario e cheo de prexuízos, que responden ao odio ás propias orixes, de avergoñarse da procedencia labrega ou mariñeira que en dúas ou tres xeracións como máximo temos a práctica totalidade dos galegos. E isto último, señorías, só se cura no diván do psicoanalista.

Mais non o esquezan, non nos imos cansar, non imos desmaiar. Volveremos tecer o manto. Para que, dende unha perspectiva de cidadanía que nace en 1789, que nace na Toma da Bastilla, o acontecemento máis importante da historia de Europa, parafreseando a Maurois, sexan respectados os dereitos dos cidadáns galegos galego-falantes.

E para que esta lingua, Patrimonio de toda a humanidade, non morra. Porque está a morrer, señorías, e así o indican inequivocamente os estudos sociolingüisticos co indicador determinante: O galego perde falantes. E se nos pode dicir que é o efecto do tempo, ou dos tempos, mais non, aínda que así fose, non o admitimos, como non admitiriamos que se derrubase a Catedral de Santiago, nin sequera o teito do humilde alboio da feira de Cuspedriños na miña terra de Cotobade, que non ten máis de dous séculos.

E o galego señorías é moito máis importante como patrimonio da humanidade que o Casco Vello de Santiago, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules xuntas. Moito máis, infinitamente máis.

E teño por forza, novamente, que recordar cuestións elementais.

Volver facer pedagoxía. Non importa. Xa o teño citado moitas veces, a Rafael Campaláns, o socialista catalán –e catalanista- da época da II República: “Política quere dicir pedagoxía”.

A ver se os convencemos, señores e señoras da dereita. Se o convenzo a vostede, señor conselleiro, se somos quen entre todos de sacar ao Polifemo do seu labirinto, que é o que queremos polo ben da nosa lingua.

Recorrerei a pensamentos xa expresados en sede parlamentaria, nesta Cámara ou no Congreso dos Deputados, e repetidos por min pola claridade das ideas, e a personalidade dos seus autores.

Fagamos pedagoxía, e lembremos estes pensamentos básicos. E reclamo especialmente a atención dos deputados máis novos da dereita.

“A lingua é a expresión da nosa identidade, da nosa propia personalidade como colectivo. Toda lingua é a expresión viva dunha cultura orixinal, e mesmo por iso, a lingua galega é a raíz e a forza impulsora da nosa propia orixinalidade cultural”.

Así se expresou nesta Cámara, o 15 de xuño de 1983 o portavoz socialista, Ramón Piñeiro, no debate da Lei de normalización lingüistica.

El idioma es el vehículo del alma original de un pueblo, y sobre todo, es en si mismo una gran obra de arte que nadie puede destruír”, deixou dito Castelao no debate no Congreso dos Deputados sobre o proxecto de Constitución da II República, o 18 de setembro de 1931.

Porque coa lingua da cada un os seres humanos relacionámonos, creamos comunidade, a conciencia solidaria vibra con sentimento de irmandade, como tamén dixo Piñeiro.

Iso constitúe un pobo.

Isto é elemental señorías, é o abecedario, non fai falla ler a Chomsky para sabelo.

Polo tanto, o pobo galego somos a lingua galega.

Como xa teño expresado aquí, e con estas mesmas verbas, moitos amamos o castelán – ou español, tanto me ten-, que é tamén a nosa lingua, amén de enormemente útil.

Pero o pobo galego é a lingua galega, porque esa é a nosa especificidade.

E as políticas deste goberno, as políticas do Sr. Núñez Feijóo, constitúen obxectivamente unha agresión aos dereitos lingüisticos cidadáns dos galegos, e unha agresión a un patrimonio da humanidade.

Eu non sei se o Sr. Núñez Feijóo fai esto con dolo, a propósito, porque se ten autoodio pola súa orixe social. Sinceramente, creo que non.

Cre que o fai por cálculo político, o que o fai moito máis culpable.

Faino por congraciarse cos poderes fácticos da reacción centralista/unitarista, porque pensa agora que nesta tormenta de millóns de euros –de amiguitos del alma de quiero un huevo-, de coches de luxo –nunca escoitara esta marca do coche de Costa, -ese da tapicería negra-, pobre de min, que paleto son; de chalés en Marbella e Ibiza; de viaxes a todo tren a costa dos contribuíntes; de bolsos de Louis Vuiton, -¿pronúncioo ben?, non sei, e de reloxos de 20.000 euros – asombroso, nesta tormenta de merda digo, pensa que ten algunha oportunidade para erguerse ao poder madrileño.

Iso é lexítimo señorías; pero señor Núñez Feijóo, non o faga a costa da nosa lingua, de Galicia como pobo, dos dereitos cidadáns dos galego falantes, e dun valioso patrimonio da humanidade.

Non escoite á reacción, Sr. Núñez Feijóo. Pódese ser conservador, pódese ser de dereitas, sen ser un reaccionario; reaccionario, diccionario da Real Academia Española: “Que propende a restablecer o abolido”.

Non escoite a reacción, escoite a ese gran español que foi Manuel Azaña. Escoiten o que dicía na sesión das Cortes o 27 de maio de 1932, no debate sobre o Estatuto de Cataluña:

“…, podríamos preferir que en este Estado hubiese triunfado en España una política de asimilación, de unificación; podrá ser que a alguien le parezca que esto hubiera valido más y que ahora todos los españoles hablasen el mismo idioma, con el mismo acento y tuviesen la misma creencia, los mismos amores, los mismos signos y el mismo modo de sentir la patria; podrá ser que esto a alguien le parezca mejor; a mí me hubiera parecido un empobrecimiento de la riqueza espiritual de España. …”

En todo caso, señor Núñez Feijóo, señores do Goberno, nós combateremos polos dereitos cidadáns dos galegos, pola preservación do galego como patrimonio da humanidade, pola nosa identidade como pobo, e pola riqueza espiritual de España por usar as verbas de Azaña.

Combateremos democraticamente con todas as nosas forza contra la España de charanga y pandereta, cerrado y sacristía. Combateremos contra a reacción.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.