Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/11/09

A viravolta: hai futuro

Artigo de Henrique Monteagudo hoxe no País:

Así coma quen non quere a cousa, que é un estilo moi noso, os galegos acabamos de protagonizar unha Revolución de veludo, unha viravolta social pacífica pero rotunda. O momento cume foi o 18 de outubro pasado, cando unha masiva mobilización, co lema Queremos galego na cabeceira, asolagou de cidadanía as rúas de Compostela. Na súa multitudinaria variedade, a marea de xentes deu azo para diversas lecturas. Moitos veteranos enchían o peito ao contemplar a riola de mocidade que saíra a declarar o seu amor á lingua. Outros chamaban a atención para as familias, e realmente había unha morea de pais e nais con roladas de cativos. Segundo para quen, o máis significativo era a larganza de castelanfalantes, todos encabuxados contra os monifates que lle zoupan ao galego no seu nome. Para min era rechamante a fartura de persoas maiores, dunha tipoloxía social insólita nestes actos: alí había un mundo de homes e mulleres que se coñecía de lonxe que era a primeira vez que se manifestaban na vida.

- Exercicio de cidadanía

Algúns encontros inesperados viñeron a confirmar esta impresión. Por citar só un, nunha acugulada praza da Quintana, atopo un matrimonio maior, vellos coñecidos. El, señor duns 80 anos, empresario acomodado pero sinxelo e traballador, residente nunha vila das rías baixas, persoa de conviccións conservadoras, ata agora fiel votante do Partido Popular. Cando lle manifesto o meu abraio de velo alí, explica: "Nunca viñeramos a unha manifestación. Estivemos dándolle voltas toda a semana, e onte dixemos, qué caranto, xa estamos fartos de que estes señoritos nos tomen por parvos!". Proído pola curiosidade, pregunteille como se sentía un ao estrearse de manifestante aos seus anos, e díxome que brincaba de contento, que para el era toda unha experiencia e que lle encantaba o ambiente. Concluín para min: "Vaites, vaites, o Partido Popular ten un serio problema".

Esta sensación medraba conforme escoitaba as intervencións dos oradores. Os convocantes da marcha xa fixeran unha demostración de finura ao constituíren unha plataforma plural e inclusiva. Tamén foi un decisivo trazo de intelixencia o respaldo do Partido Socialista, que engadía un valioso complemento de pluralidade ao esperable apoio do Bloque Nacionalista Galego. Como broche final, os discursos de remate acertaron de cheo, pois souberon dirixirse a un amplo abano de sensibilidades. O rexo Avelino Pousa, que desde os seus vedraños 95 anos nos avencellaba sentimentalmente cos mitins das arengas dos tempos da República, foi xustamente vitoreado. Pero a intervención máis inspirada foi a de Xurxo Souto, quen proclamou un vibrante alegado ás xuventudes urbanas para que non viren de costas ao idioma de noso. "Que non vos queiran vender a moto", veu a dicir, "de que non falades o galego porque non queredes, porque voluntariamente renegastes del; todos sabemos que o non falades porque volo roubaron, volo esgocharon, volo negaron!".

Outra figura do día foi o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, que deu unha lección memorable de dignidade cívica. A destemperada reacción de Alfonso Rueda (que sendo secretario xeral do PP de Galicia participou na marcha preelectoral contra o galego de vergoñenta memoria) puxo de vulto o desconcerto do antigaleguismo recalcitrante ante o éxito da convocatoria, co valente Rafael Cuíña incluído (seguro que apertando no peto a adhesión de moitos militantes do PP).

- Da viravolta ao trasacordo

Antes de que sexa demasiado tarde, o presidente da Xunta faría ben en lembrar que ten a obriga política, legal e moral de exercer como primeiro valedor da lingua do país. Á vista das actitudes dalgún coruñés de pro -que continúa a xogar ao enredo de La/A matrácola-, e do círculo Vigo/Pontevedra, empeñados todos en remexer nas augas da lingua a ver cantos votos incautos pescan, temos razóns para desconfiar que tomen nota do aviso. O que non poderá alegar ningún deles é que non ían advertidos cando cismaron en meter os cans na bouza. Aquí estase cocendo un Prestige intanxible, e a quen non o queira ver xa lle tocará beber sete cuncas.

Se houbese o sentidiño que ata agora faltou, despois da Viravolta de outubro viría o prudente e galeguísimo Trasacordo, e os tolitates que acenderon o conflito lingüístico volverían ao punto de partida: o consenso político para a promoción do galego nun marco de convivencia. De momento, a Viravolta xa conseguiu algo moi importante. Hai uns meses, os lemas de moda eran a fantasiosa imposición del gallego e a impostada libertad lingüística. A carga da proba caía no lombo dos galeguistas. Agora, a voz que corre é a Xunta está contra o galego!, e son aqueles tarambainas os que recúan á defensiva. Pero aínda temos a raposa no galiñeiro. Mañá, 14 de novembro, o colectivo Galego, Patrimonio da Humanidade convoca un comicio en Compostela para seguirmos arborando o discurso civil en defensa da lingua. Todos e todas estamos convidados. Hai futuro.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.