Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/12/09

Amargándonos o novo ano

Semella que o goberno de Galiza decidiu por fin, case o último día do ano, amargarnos a celebración presentando un decreto regresivo que pretende acabar coa nosa lingua. Medida política e falsa esa de que os pais interveñan no ensino e máis falso aínda un 33% para unha lingua que non é propia do noso país. Desde logo, podemos falar de goberno PoPulista que se preocupa tanto pola opinión das familias que serán estas as que dividan en terzos as linguas. Sexamos trilingües. Como serán a partir de agora as nosas aulas? Coñece o goberno a realidade lingüística do noso país?

Estas son as palabras de diferentes representantes:

Anxo Louzao (CIG-Ensino): Día negro para o noso idioma. O novo borrador non ten precedentes na historia recente do país e é o máis agresivo coa presenza do noso idioma no ensino. É a primeira vez que se lexisla de xeito regresivo, para asestarlle a puñalada ao noso idioma e perseguir o seu exterminio. Non pode haber igualdade se o idioma do país, que está en desvantaxe, non recibe medidas favorecedoras. Só se pode entender que así reduzan a súa presenza a un terzo, deixándolles aos proxenitores unha decisión que lle corresponde a toda a cidadanía a través dos seus representantes. É unha falacia, unha demagoxia e unha mentira absoluta que nos vendan un plurilingüismo cando o noso idioma, que xa non ten a mesma presenza, se reduce, contra o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística. O 25% de fracaso escolar vai saír prexudicado se se imparte un terzo da docencia en inglés. Producirase discriminacións entre os centros segundo usen unha ou outra lingua en determinada materia. Non se pode levar á práctica. Parte dunhas persoas colonizadas que non son capaces de respectar a lingua do país. Temos convocada unha mobilización para o día 21. Non imos participar en falsos consensos e non imos avalar ningún paso atrás para o galego. Ademais, presentouse con nocturnidade, mudando de lugar e en véspera dun día festivo para os medios escritos, dun xeito impresentábel.

Pepe Cabido (STEG):
É un erro pedagóxico e político. Pedagóxico, porque afondará no fracaso escolar do alumnado en competencia en igualdade que garantía a metade das materias en galego, e mesmo un fracaso escolar en castelán ao reducir o número de horas en favor do inglés. É un erro político obvio porque trata as linguas como se estivesen nunha situación de igualdade e ignora a desigualdade do galego. Para nós, a Xunta incumpre a súa obriga de potenciar a nosa lingua e amosa un descoñecemento total da realidade dos centros. Con respecto á escolla dos pais, pódese inculcar o dereito das crianzas a ter coñecemento da lingua. Sobre o inglés, se todos os estudos din que hai un alto fracaso escolar, como se van obter os contidos mínimos do currículo se se dan nunha lingua estranxeira? Estamos a favor de potenciar as linguas estranxeiras, non só o inglés, pero non a custa do galego nin do currículo. É un erro tentar vender este decreto como "moderno". Tampouco se contempla cal vai ser a lingua de apoio en que se imparta o inglés, que podería deixar o castelán no 66% e o galego no 33. Mobilizarémonos á volta das vacacións. Pode provocar conflito nos centros e insubmisión do profesorado a que se lle impoñan linguas. É un triste día histórico.

Xosé Fuentes Fariña (CCOO): Entendemos que parte dun problema ficticio creado polo Goberno nun proceso electoral. Non hai conflito lingüístico. Este decreto satisfai un colectivo extremista como Galicia Bilingüe. Non eramos partidarios de mudar o decreto, nacido do consenso, e do que o PP só se desmarcou no momento das eleccións. Entendemos que a decisión política do Goberno de modificar o decreto só pode vir precedida dun consenso social e político, como prometeu o presidente da Xunta. Pero falar de trilingüismo é unha falacia: non hai profesorado para garantir ese 33%. Estamos dispostos a revisar a situación nos centros bilingües, o problema está nas aulas que non son bilingües. O Goberno ten a obriga de garantir que o alumnado domine as dúas linguas oficiais ao remate do ensino en igualdade de condicións, e hai que ter en conta a posición de inferioridade do galego. Esperemos que se consensúe o novo decreto, polo que non faremos en principio mobilizacións. Pero, se o PP só o fai para calmar ánimos e presentar un documento propio, opoñerémonos. As dúas linguas teñen que estar en situación de igualdade nas materias troncais, e iso non o poden decidir os pais. O galego é patrimonio do pobo e non unha arma política.

Valentina Formoso (CGENDL): Nós sempre defendemos que o ensino ten que ser igualitario e non debe haber segregación. Non queda claro se os pais escollen a lingua se se vai producir esa segregación. Ademais, temos dúas linguas oficiais que debe aprender o alumnado, pero as dúas non están en igualdade de condicións. Os estudos demostran que menos do 50% das materias en galego non garante esa igualdade. Por outra banda, defendemos que se aprendan as linguas estranxeiras, pero o inglés non é lingua oficial e non cremos que se aprenda en detrimento do galego. Hai outras formas de mellorar a competencia en linguas estranxeiras. Está demostrado que as comunidades bilingües teñen mellores resultados en inglés: o galego non é problema. Parece un decreto feito dende o descoñecemento da realidade dos centros e parte de decisións políticas e non pedagóxicas. Parécenos irresponsábel que unha decisión que lle compete á Administración se poña nas mans dos pais e dos centros. O decreto parte de falacias. Os pais deben saber que esta é a norma máis regresiva do Estado. De feito, a das Baleares coincide coa que derroga agora o PP.

Marcelino Brea (UXT): Tendo en conta que é 30 de decembro, a últimas horas do día, é impresentábel. En período vacacional, case en vésperas de festivo, decidir sobre un tema como a lingua non é de recibo. Albíscase unha xogada a traizón. Espero nos próximos días ter unha lectura sosegada do texto. Hai aínda moita escuridade sobre o tema. Se se pretende chegar a un consenso, é un punto de arranque moi negativo.

Tes aquí máis información. E a oficialidade. En pdf.

E lede isto en Alfaias.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.