Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/12/09

Pingueiras e tarteiras

Cheguei a este libro, como non, polas ilustracións. Ilustracións de Rodrigo Chao, a quen coñecemos ben e quen nos encandila sempre. Libro de teatro infantil, con situación caóticas, palabras do revés e conversas absurdas que ocultan en realidade a fantasía dun circo que pretende reconverter un pazo gris nun mundo de cor, tanto, que ata a propia raíña grisácea, aquela que nunca ri, ten a oportunidade de fuxir para aprender o que é o sorriso e a ledicia. E, por suposto, decide aproveitala. A música da choiva de fondo. Pingueiras nun pazo vido a menos, como todo nese reino. Pingueiras nun circo outrora esplendoroso en busca de traballo. Pingueiras que reconverten a musicalidade do teatro, pois son esas pingas que caen nas tarteiras o condutor dunha obra que deixa paso ao optimismo e á música máis leda.
O xogo de palabras que fai a autora coa raíña de protagonista, así como a leve crítica social (ese dedo maimiño erguido!!!- son tamén un elementos destacables nun texto que busca o disparate e que representa un caos sinxelo e divertido que resulta moi atraente.
A edición do libro, sinxelamente fermosísima.
Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa foi a peza gañadora do III Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Foi definida como "unha apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos".


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.