Coraxe. O ex/comandante en xefe do exército dos Estados Unidos, George W. Bush, decidiu, despois do 11-S, invadir, primeiro Afganistán coa pretensión de capturar a Bin Laden e, despois Iraq baseándose na presunta existencia de armas de destrución masiva. Ambos os obxectivos, anos despois, non foron conseguidos, tal e como demostran os feitos e a constatación da mentira. Nos últimos anos e no medio do barullo imposible no que se enquistan esas dúas guerras, os obxectivos foron travestidos coa hipocrisía de que do que se trata é de democratizar e estabilizar a seguridade dos dous territorios. Na xénese do problema está que, efectivamente, eses non foron os obxectivos iniciais e sinceros dunha potencia que non se resignaba a deixar de ser o xendarme do mundo. Agora si que a comunidade internacional ten dous serios problemas (con grandes custos de vidas humanas) e dúas guerras inacabables.
O candidato Feijóo detectou na anterior campaña electoral que hostilizar o decreto do galego no ensino servirialle para neutralizar os posibles votos do partido de Rosa Díez en Galicia. Só tiña que engadir ao seu anterior rexeitamento parlamentario do decreto a superstición do dereito dos pais a decidir a lingua no ensino dos fillos. Para sorpresa de todos (Feijóo incluído) o PP obtivo maioría absoluta e ocupa agora a Xunta de Galicia. Nese contexto, Feijóo ten que dar cumprimento a súa promesa electoral a Galicia Bilingüe (algo que lle resulta ben incómodo por demasiado atrabiliario), pero descubre que, ao mesmo tempo e nese partido de “hoolligans” no que se está convertendo o PP en España, pode constituirlle un patrimonio valioso (“látego de nacionalismos”) no xadrez de poder e aspiracións do PP para recuperar o goberno de España. Só así se pode explicar a tremenda trapallada que supón o borrador de bases presentado para regular o plurilingüísmo no ensino. Os obxectivos de Feijóo están, na práctica, a anos luz de perfeccionar o avance da normalización do galego e tamén (por que non dicilo?) da pretensión de optimizar a aprendizaxe do inglés no ciclo obrigatorio do ensino. Desde hai anos é obvio que un fracaso evidente do sistema español de ensino é a nula eficacia da materia de inglés. Non se coñece a ningún individuo que rematase os sucesivos ciclos obrigatorios cun coñecemento 100%. Por que intentar agora solucionar ese problema a costa da implantación do galego no ensino? Como en Iraq e Afganistán, onde non tiñamos un problema en Galicia (senón un proceso ben tímido de normalización do galego) agora temos un conflito e un malestar instalado na nosa vida social.
É posible que o decreto en vigor sexa mellorable, pero seguro que en termos de progresividade e adecuación territorial, non de minusvaloración do galego. Pero esa é outra negociación. Que vai pasar nos centros nos que o galego superaba xa o 40% e chegando case ao 100%?
Melancolía. Para os máis vellos da tribo, isto do dereito dos pais a escoller idioma escolar ten tanto que ver coa liberdade, como aquel remedo de Franco coa democracia orgánica que permitía votar procuradores e concelleiros polo terzo de cabezas de familia.
Sen comentarios
Publicar un comentario