Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/02/10

La humillación

Non sendo nin de lonxe a mellor novela de Philip Roth, quen nos deixa decote con este sabor amargo pola súa obsesión do paso do tempo, a perda das forzas físicas, a sexualidade atormentada... sempre resulta ser un gran escritor que decide engancharnos aos seus libros ata que os rematemos. La humillación, con estrutura teatral, deixa un pouso de tristura máis alá polo seu tráxico final, porque desde a primeira liña destila amargura, porque o ser humano vaise derrotando co paso do tempo. Un libro onde o sexo é case fío condutor (tórnase aquí explícito, abondoso) para nos falar dun tema recorrente neste autor: a masacre que o paso do tempo lastra nos nosos corpos, sen poder remedialo, sen sermos quen de loitar contra ese inexorable destino, agás que decidamos pór fin -como fai o protagonista- antes de tempo a un destino de soidade angurienta.
Non hai a fondura dos personaxes coa que Roth nos tiña acostumados, pero si hai ese pouso de boa literatura que este autor, escriba o que escriba, posúe. Porque lle pertence.
Pero se nunca lestes nada del, por favor, non comecedes por este libro. Decepcionaravos e probablemente non cheguedes a descubrilo. E paga a pena telo nos nosos andeis. Para iso ten trinta libros, non? Segue a ser, para min, un dos mellores escritores actuais.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.