Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/03/10

Camiñan descalzas polas rochas

Como xa fixera en Ninguén está só, Amnistía Internacional ofrece, xunto coa editorial Tris Tram, unha selección de relatos dos nosos escritores e escritoras para falar dos Dereitos Humanos. En Camiñan descalzas polas rochas son os Dereitos Humanos das Mulleres os pisoteados: violencia de xénero, violencia sexual, diferenzas... son os temas que dominan e predominan neste volume que saliento polo seu formato: a combinación de relatos con ilustracións, todos eles de mulleres destacadas da nosa literatura e da nosa ilustración. Unha proposta moi interesante para traballar tamén no club de lectura, puntos de vista e xeitos de narrar diferentes que deixan nalgúns momentos sen respiración.

O poema de Ana Romaní Camiñan descalzas polas rochas -incluído no poemario Das últimas mareas (Ed. Espiral Maior)- dálle título ao libro e está acompañado na cuberta por unha ilustración de Noemí López. O volume conta tamén cos versos de Yolanda Castaño -que cedeu o poema Contos de Fadas, do poemario Profundidade de campo (Espiral Maior) para acompañar unha ilustración de Rebeca López- e mais cos relatos Se eu podesse desamar a quen me sempre desamou, de Rosa Aneiros, acompañado pola ilustración de Nuria Díaz; Paciencia, de Paula Carballeira, ilustrado por Noemí López; O silencio do sábado pola tarde, de Anxos Sumai, ilustrado por Almudena Aparicio; Monta na vida, de Carmen Blanco, ilustrado por Ánxeles Rodríguez Ferrer; A carne da serea, de Marilar Aleixandre, con ilustración de Marina Seoane; A esencia da cidade, de María Reimóndez, con ilustración de María Lires; Son apariencias, de Helena Villar Janeiro, con ilustración de Car (Carmela González); Só hai que facerlles café, de Ana Expósito, ilustrado por Ana Pillado; e Soliloquio desde o alén, de Marica Campo e ilustrado por Aurora López , todos eles relatos e ilustracións que as autoras crearon para a ocasión.

Camiñan descalzas polas rochas on PhotoPeach


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.