Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/03/10

Física e Matemáticas tamén en galego

Seguramente botabades de menos que non falásemos máis do que está a ocorrer estes días: decreto e demais. Isto é porque verquemos a información no blogue de Normalización do que xa temos falado: Imos indo. Pero tamén desde aquí temos que falar do que está a ocorrer. Arestora recollemos este artigo:

Escribe Carlos Salgado en Vieiros:

Para entrar directamente no tema: cal é o esquema mental de quen pensa que non se pode ensinar Fisica e Matematicas en galego? Por que no decreto do galego son estas as asignaturas que hai que dar en castelán? E sobre todo: por que o castelán é máis adecuado?? Doulle voltas a cabeza e non lle atopo resposta. A dificultade das materias máis abstractas non está na lingua que se utiliza para transmitilas, senon nas técnicas, nas capacidades e nos medios de quen as imparte. Un teorema é o mesmo obxecto matemático e require das mesmas destrezas mentais en todas as linguas do mundo. As leis do electromagnetismo tamén.

Somos moitos os que tratamos de dar normalidade ao uso do galego na ciencia: se fixen a miña tese doutoral (en Física de Partículas) en galego non é por reivindicar nada, é por normalidade; se dou clases na Facultade de Fisica en galego é tamén por normalidade; se discuto cos meus colaboradores da nosa investigación en galego (ou inglés, ou francés, ou español ou italiano) é só por normalidade! Que anormalidade é a de decidir que o galego non é para as Matemáticas ou a Física? Por que xusto estas materias?

No fondo, este esquema mental ten moito de provinciano e despreciativo das propias capacidades. Quen pensa que a Física ou as Matemáticas non se poden ensinar en galego está pensando tamén que un galego non pode aportar nada a esas disciplinas científicas. É similar ao esquema mental imperante, aínda que cada vez menos, no mundo anglosaxón de desprezo polas capacidades científicas dos países latinos, en particular. E é deprimente que este sexa o esquema mental dos responsables da política educativa (e tamén, en parte da científica) deste país. A ciencia transmitese actualmente en inglés (non en español, por certo) mais a capacidade creativa non ten fronteiras idiomáticas. A normalidade no ensino da Física e das Matemáticas, dúas materias con moitas eivas, vai exactamente na dirección contraria. Este é un tiro no pé.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.