Escribe Bragado:
Alberto Núñez Feijóo preferiu o pasado sábado participar nunha feira de exaltación do viño ca facelo na presentación dun avance do decreto chamado de plurilingüismo. Escolleu ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística para que presentasen aos xornalistas unha nota de prensa dun folio na que se recollen as liñas xerais dun documento que, como eles anunciaron, se coñecerá na súa totalidade nos vindeiros días cando sexa enviado a ditame da Mesa Sectorial, do Consello Escolar de Galicia e do Consello Consultivo. Razóns políticas –vencelladas aos desequilibrios internos existentes dentro do seu partido, tanto polo evidente fracaso da política do goberno sobre as caixas como pola carreira ás principais alcaldías– deberon aconsellar ao presidente pechar canto antes a redacción do decreto e, ao mesmo tempo, non participar nun acto que supón o abandono efectivo por parte do Partido Popular das políticas de acción positiva sobre o emprego da lingua propia de Galicia desenvolvidas durante tres décadas nos eidos educativo e social.
Sexa como for a redacción definitiva do articulado, que non vai ser nin moito menos irrelevante para o futuro da nosa lingua e para o desenvolvemento da nosa civilidade e calidade da educación, algunhas conclusións podemos tirar dos importantes anuncios realizados por Vázquez e Lorenzo.
A primeira, a ruptura do Partido Popular cos consensos políticos e sociais forxados ao longo do período autonómico arredor da posición dos idiomas oficiais e da convivencia lingüística en Galicia, recollidos na "Lei de Normalización Lingüística", na "Carta Europea das Linguas" e no "Plan Xeral de Normalización Lingüística" de 2004. Co anunciado por Vázquez e Lorenzo esfarélanse as dúas chaves deste consenso: a da cooficialidade do galego e do castelán, procurando a súa igualdade real e a competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía; a do impulso de políticas de promoción do galego, para compensar a súa situación de partida claramente en desvantaxe co castelán. Ruptura do consenso que ademais de facer caso omiso dos ditames do Consello da Cultura Galega e da Academia Galega sitúa ao Partido Popular en solitario, apoiado só polos sectores negacionistas, moi minoritarios, que pretenden a ferro e fariña non ter contacto ningún coa lingua galega.
A segunda, as medidas anunciadas, a pesar de insistir no seu carácter equilibrador, reducen significativamente en todos os niveis educativos, o uso do galego no desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, especialmente nas de comprensión e expresión escrita, profundizando, ademais, nos prexuízos sociais arredor da súa utilidade para eidos do coñecemento científico ou técnico.
Moi significativas son as medidas propostas para o segundo ciclo da Educación Infantil (do primeiro, nada sabemos), que volven sobre un modelo semellante ao empregado no decreto de 1995 (o profesorado utilizará na aula a lingua que determinen as familias en votación anual) que os profesionais da educación sabemos supuxo a práctica desaparición do galego na maioría dos centros. A pesar de que no avance do decreto se prevé de forma xenérica "que o profesorado desta etapa procurará que os nenas e as nenas adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia", sabemos que isto só será efectivo nas aulas onde o galego sexa a lingua maioritaria. Resulta moi extraño que nun documento elaborado pola Consellaría de Educación non se proporcionen algunhas recomendacións máis concretas ao profesorado para que os nenos de contornos castelánfalantes poidan iniciarse no proceso educativo cun primeiro contacto co idioma galego.
Esta tardía incorporación do emprego educativo das dúas linguas; o complexo sistema de determinación dos itinerarios lingüísticos do alumnado, no que os pais terán en último termo dereito de veto; como, e sobre todo, esoutra demagóxica apelación á "liberdade de expresión dos alumnos" para utilizar "a lingua oral ou escrita que consideren máis conveniente ", que supón un cínico ataque ao traballo e á autoridade do profesorado na aula, son medidas todas que agoiran o fracaso educativo sen paliativos do modelo proposto que impedirá que todo o alumnado ao remate do ensino secundario posúa idéntica competencia no uso oral e escrito das dúas linguas oficiais.
Alberto Núñez Feijóo e o seu partido coa presentación deste decreto estragaron as posibilidades de recompoñer o consenso arredor da convivencia lingüística que ofreceron as máis diversas institucións e sectores da sociedade galega ao longo dos últimos meses. Quizais non preveron os conservadores galegos que seguindo eses engaiolantes cantos de serea negacionistas poidan estar comezando a súa deriva.
Sen comentarios
Publicar un comentario