Se tivese que escoller agora dúas viñetas de Castelao, unha sería a do gato cínico que recita a Bécquer: "Volverán las oscuras golondrinas en su balcón los nidos a colgar... Pero aquela que papei o ano pasado, esa non volverá." E a outra? A outra é aquela na que aparecen unha nai e un meniño e a muller pregunta: "Por que non queres ir á escola?". E o rapaciño di: "Porque sempre me preguntan o que non sei".
Son dúas pequenas obras mestras de humor e humanidade que refulxen en todo tempo. E que deberían terse proxectado en power point no Parlamento autónomo mentres se debatía o "estado da nación".
O gato paródico ten hoxe o seu correspondente no cinismo político. Verbo do modelo lingüístico no ensino, o gato do Goberno papou unha boa andoriña e esa xa non volverá. A andoriña papada pódese ver como unha alegoría do que era un consenso básico laboriosamente construído. E perdido de golpe. O verdadeiro anarquismo quería ser a "máxima expresión de orde". En cambio, a anarco-dereita medra co caos.
Tamén a outra viñeta preséntase hoxe cun alto sentido paródico. Se falamos de "liberdade de escolla" ao xeito pueril e irresponsábel en que o emprega a neo-dereita, a primeira liberdade debería ser a que reclama o neno: a de ir ou non ir á escola. O rapaz desa viñeta é un pícaro entrañábel. Aí está a refinada intelixencia e a vontade de estilo popular. No decreto que o Goberno teima en aprobar, podemos ver o reverso caricaturesco desta viñeta. A desvalorización da función docente e a invitación a exercer "a liberdade de non saber". Agora o pícaro pode ir á escola tranquilo, coñecedor de que o seu "dereito a non saber" está por riba dos deberes escolares, e que o seu "non querer saber" está avaliado polos que mandan e por un fato de pais fronte aos sospeitosos valedores da función docente.
Non hai en todo o orbe mundial un decreto máis marxista. Por suposto estou a falar do que ocorre no disparatado Camarote dos Irmáns Marx. Podería darse a circunstancia matemática, e non é broma, de que o voto dun só pai inclinase o modelo lingüístico dunha escola infantil perante catro anos. E en primaria e secundaria, tal como está feito este decreto, pode darse con toda normalidade este diálogo entre profesor e alumno.
-Desculpe por molestalo, prezado alumno, mais agradecería inmenso que vostede teña a amabilidade de responder a esta miña pregunta en galego xa que estamos en clase de Coñecemento do Medio. Podería dicirme, por favor, un nome en galego deste insecto coleóptero de nome científico Lampyris nocticula e en castelán coñecido como luciérnaga?
-Ni entiendo lo que dices ni entiendo por que me preguntas lo que no sé. A mi no me vas a practicar tú la inmersión y hay un decreto que dice que en el aula puedo hablar la lengua que me sale de los huevos y escribir los exámenes en la que me salga de los cojones. Paso de ti, tío.
-Paso-de-ti. Magnífico! Xa temos un novo nome para o vagalume. Lucecú, vella, lucerna, corcoño... e Paso-de-ti!
A trapallada ten a súa propia lei, moi semellante á da gravidade. Ou perseveras na trapallada ou saes decididamente da trapallada. Non hai xeito de saír da trapallada tentando convertela en media trapallada, pois o que resulta é que media trapallada equivale ao final a trapallada e media.
Isto é o que está a pasar con este decreto sobre a lingua no ensino. E o encirrado debate vén ser unha grande metáfora do que está a pasar neste país.
Durante meses estiveron dándolle voltas á agulla de marear polos famosos tres terzos. Algúns avisamos que era unha trapallada, e ademais unha trapallada inviábel. Mais todos tivemos que andar nesa nora, a dar voltas como os cabaliños dun carrusel de feira. Agora, de súpeto, esquécese a xenial ocorrencia dos tres terzos e lánzase un discurso de recambio: o do presunto equilibrio. Que pasou co inglés? Outra "andoriña" no papo? Pois pasou que se xogaba de farol, o caso é que viraramos na nora, que viviramos na miraxe, mentres na realidade se estaban a recortar os orzamentos das escolas oficiais de idiomas en toda Galicia. En aparencia, hai correccións. Mais non son por vontade propia, autocrítica ou procura do consenso. É o test da realidade o que vai corrixindo o absurdo. Pero, claro, a realidade non dá feito con tanto absurdo. Quere que lle boten unha man. Por exemplo, o absurdo xira agora arredor de dous eixos que se asentan na falsidade: o das materias "troncais" e o poder determinante dos pais. No currículo educativo non existen materias "troncais". Non hai materias de primeira e outras de segunda. É un disparate! En que criterios pedagóxicos se fundamenta a decisión de que todos os estudantes de Galicia teñan que aprender á forza matemáticas en castelán?
¿E que dicir do poder discrecional dunha parte dos proxenitores para decidir sobre o ser ou non ser dunha lingua que é patrimonio común? Neste país, todos pagamos o ensino público (e o privado concertado!), é dicir, todos somos pais e nais. Mesmo o presidente e os conselleiros que non teñen fillos, tamén eles, nunha sociedade democrática, tamén eles son pais e nais. Non, non é a liberdade o que se instaura, senón o caos. Non é a cordialidade o que se implanta, senón a rifa permanente. Non sei se viñamos dun "bilingüismo cordial", mais si dunha "tranquilidade relacional" que agora pode estoupar. Dise que había un compromiso electoral, mais nunca se especificou o contido da reforma. E aínda que para afagar orellas fanáticas se fixese algunha promesa, o gobernante ten a obriga de revisala cando esa promesa vai contra o espírito do Estatuto, da Constitución e da Carta Europea das Linguas.
E se non se fai así, se non se volve á sensatez dun gran consenso lingüístico, que garanta a protección do galego, o que cómpre é espallar o modelo Camarote dos Irmáns Marx a todos os eidos da sociedade. Que se decrete a "liberdade" de pagar impostos, taxas e multas. A "liberdade" de circulación automobilística a esquerda ou dereita por votación dos condutores en cada estrada e cada catro anos. Que os clientes das caixas de aforro teñan dereito a votar en urnas e sucursal a sucursal (que menos!) se apoian ou non unha fusión. E que, dunha vez por todas, decidamos en votación se na catedral de Compostela está enterrado o apóstolo Santiago ou o herexe Prisciliano.
A educación é o núcleo de abastecemento de esperanza dun país. O que se fixo perante un ano enteiro non só foi perder o tempo senón espallar en todo o corpo docente, en mestres e profesores, a síndrome do burn-out, o queime, o chamado "infarto da alma". A relación dun bo gobernante co seu país debería semellarse a do artista coa súa obra. Velo como un work in progress. Unha obra aberta. Mais a forma que agora mesmo ten o país é a dun buraco in progress. Aborrecían a "inmersión" e, mira por onde, estamos todos mergullados nun Camarote absurdo, ocupados en facer buracos no baleiro.
Sen comentarios
Publicar un comentario