Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/03/10

Protagonistas


Este sábado pola tarde houbo en Lalín unha serie de actos co motivo da celebración, no día de hoxe, da Igualdade da muller. Convidáronme a participar na mesa redonda xunto con outras 5 mulleres. Como me tocou iniciar e abrir camiño, centreime nun principio en que son "unha muller privilexiada": por ser muller OCCIDENTAL, por ser muller DO SÉCULO XXI, por ser muller FUNCIONARIA e cobrar igual ca un home, por se muller con AVÓS que me axudan, por ser muller sen DEPENDENTES a quen coidar... Comparamos así a diferenza de sermos mulleres neste momento e neste lugar, para dar paso á intervención das compañeiras máis maiores que nos contaron as súas vivencias persoais e todos os estragos que a vida lles causara pero contra os que loitaron cun sorriso, e unha compañeira da mesa, dun sindicato labrego, falounos da muller rural, un tema que nos toca moi de preto.
As actividades continuaron coa representación do grupo de baile moderno que me deixou totalmente impresionada, actuación do grupo tradicional Ailola e a inauguración da exposición de mulleres artistas do Deza.
Ante a miña fascinación polo grupo de baile moderno, pedinlle á súa profesora que me pasase o texto dunha das montaxes: "Fadas de auga". Vén de me chegar e adxúntovolo aquí porque paga a pena:

Somos as fadas da auga. Vivimos nas fontes, nos ríos, no orballo, no mar, na neve, na sarabia, nos charcos, nas lagoas, na auga que bebes e incluso na auga dos teus ollos.

Nunca nos deixamos ver, pero hoxe precisámosvos. Si, falámosvos a vós, a todos vós, a toda a xente de Santiago. E aos que non sodes de Santiago tamén. Non miredes a outro lado, chamámosvos e pedímosvos axuda.

O noso fogar está en perigo. Os humanos estades destruindo a nosa casa. Os glaciares e os casquetes polares estanse a derreter, a doce choiva vólvese aceda e corrosiva, os peixes afogan no lixo dos ríos e do mar. Como podedes facelo?

A auga é tan importante para vós coma para nós. Bebédela, límpavos por dentro e por fóra, xogades con ela, nacedes dela!

Parade a mirar a beleza dunha simple pinga de auga. A auga é vida e se seguides así chegaredes a matar por ela.

Se queredes seguir vivindo tendes que cambiar e comezar a coidala, por vós, por nós, e polos que veñen detrás.

Se seguides abusando dela chegará un día en que os mananciais secarán e no seu sitio quedará deserto.

Nós xa o estamos notando, con cada pinga de auga que se perde unha de nós desaparece...




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.