Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/03/10

Romeo e Xulieta


Volve Ainara García a colaborar na recomendación dun libro. Trátase neste caso de Romeo e Xulieta, o clásico traducido pola ediotorial Galaxia.

Esta traxicomedia creada por Shakespeare hai algo máis de catro séculos, non só me sorprendeu senón que resultou ser unha das lecturas máis apaixoantes que lin ata o de agora. A obra non só sorprende polas numerosas metáforas e recursos literarios que contén, nin pola rapidez e claridade coa que se desenvolven os diálogos, o que realmente sorprende é como un home que viviu no século XVI puido crear unha obra coma esta.
Ambientada nunha Verona dominada polo odio entre dúas familias -os Capuleto e os Montesco-, observamos como un Romeo atormentado por un amor non correspondido atopa de novo o sentido da vida en Xulieta, quen á súa vez se sente inmediatamente atraída polo xove Montesco. A partir dese momento unha serie de traxedias como son a morte de Tebaldo, o desterro de Romeo e o anuncio de voda entre Paris e Xulieta levan a esta a decidir poñer fin á súa vida. Porén, conta coa axuda dun frade, que dispón dunha artimaña para que os esposos poidan volver estar xuntos lonxe de Verona e do odio das súas familias. Mais unha vez que todo semella desembocar nun final feliz, unha casualidade fai que a noticia do engano ideado polo frade non chegue a tempo a Romeo, quen crendo á súa amada morta, decide quen non paga a pena seguir vivindo nun mundo sen ela. Minutos despois de que Romeo se suicide, Xulieta esperta, descobre o seu cadáver e decide tamén ela seguir os pasos do seu amante. Así, finalmente, unha vez descuberta toda a historia a través do frade, as dúas familias deciden selar a paz na memoria dos dous namorados.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.