Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/05/10

As autoridades israelís deportan ao 'clown' galego Iván Prado


As autoridades israelís deportaron a primeira hora deste martes ao clown galego Iván Prado, director do Festiclown en Galicia durante os últimos dez anos e do colectivo Pallasos en Rebeldía. O artista viaxaba acompañado por unha compañeira para organizar o Festiclown 2010 que se vai desenvolver en outubro deste ano en Cisxordania, nos Territorios Ocupados de Palestina. O evento ten coma obxectivo aliviar cun espectáculo de pallasos as penurias dos nenos que sofren diariamente a brutalidade da ocupación.

Ambos os dous aterraron na tarde do luns en Tel Aviv a bordo dun avión da compañía israelí El Al. No control de pasaportes do aeroporto israelí foron interceptados por varios axentes que os conduciron a un cuarto na área de tránsito do aeródromo. A seguridade do aeroporto de Ben Gurión interrogounos durante seis horas ao atopar "sospeitoso" que a súa compañeira de viaxe tivese un apelido árabe. Durante este tempo, a policía retiroulles os seus pasaportes e cacheounos até en tres ocasións. Por volta da medianoite do luns, foron trasladados a un centro de internamento para inmigrantes fóra do recinto aeroportuario preto de Tel Aviv, onde permaneceron retidos en celas invididuais durante seis horas. Logo, foron devoltos ao aeroporto para embarcar rumbo a España. As autoridades israelís aduciron que a súa deportación débese a "razóns de seguridade".

Á súa chegada ao aeroporto de Barajas, Iván Prado tentou interpoñer unha denuncia pola súa deportación, que non foi admitida polos axentes da comisaria do aeródromo. A expulsión en Israel impide a entrada durante cinco anos. O país hebreo é a única porta de entrada tanto a Cisxordania coma a Gaza.

A expulsión do clown galego prodúcese días despois de que o ministro de Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, pedise explicacións ao seu homólogo, o ultradereitista Avigdor Lieberman, pola aprobación da lei do 13 de abril que permite a deportación en masa de palestinos e estranxeiros dos Territorios Ocupados por ordes militares. Moratinos tamén instou a Lieberman a que permita traballar aos cooperantes estranxeiros, aos que só se lles concede visado de turista, polo que se ven obrigados cada tres meses a deixar o país e volver entrar para renovar as súas visas. A súa admisión é discrecional e depende habitualmente do criterio da policía de fronteiras ou da seguridade do aeroporto de Tel Aviv. A nova lei militar dá carta branca ao Exército israelí para deportar os traballadores humanitarios en Cisxordania.

Máis información aquí.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.