Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/05/10

Virtualmente marabillados

Cando hai meses me puxen en contacto con Agustín Fernández Paz non maxinaba a emotividade que ían producir as nosas palabras carteadas nin o noso encontro virtual que se produciu este martes día 4. Contestoume meses despois, e a súa carta deixoume tan impactada que eu mesma volvín tardar en responder. A partir de aí todo fluíu naturalmente.
Debido á imposibilidade de vir ao noso centro ofreceume realizar unha videoconferencia a través do Skype. Unha vez superados os problemas técnicos, realizamos o encontro. Que dicir del? Xa todos e todas sabedes da súa cercanía, da súa amabilidade, da súa enerxía positiva. Foi realmente extraordinario ver a todos os membros do club de lectura mirando a pantalla sen despegarse, escoitando atentamente para non perder esas palabras que ás veces, por mor da técnica, se nos esvaían nun espazo e nun tempo descoñecido. Falamos de Valados, claro, a obra lida, e falamos de toda a súa produción (toda non porque é imposible!) posto que cada un dos membros lera algunha outra obra del; falamos de literatura, falamos de música, falamos da vida e sobre todo falou el namorándonos coas súas palabras, coa súa amabilidade, co seu sentido do humor.

Se queredes saber algo máis, se queredes saber cal é a súa música e a súa literatura e outras sorpresas ide ao blogue do club: "Momentos de silencio compartido".

Para o meu ego, e para facerllo saber tamén ao meu querido compañeiro blogueiro, deixo algunhas das súas palabras, porque me encheron de orgullo e satisfacción:

" direiche que "Trafegando Ronseis" está no meu cartafol de "Imprescindibles", xunto con non máis doutros sete ou oito. O único problema (bendito problema!) é que non vos dou lido, tal é o ritmo das anotacións. Pero facedes un labor de divulgación e de reflexión extraordinario. Está ben que o saibades, estas cousas tamén hai que dicilas"


8 comentarios:

Montse dixo...

Que bien. Os merecéis que os digan cosas bonitas.

Ronsel dixo...

Moitísimas grazas, Montse. A verdade é que foi unha inmensa alegría que alguén tan significativo coma Agustín afirmase algo así.

MESTURAS dixo...

Claro que o merecedes. Se Agustín Fernández Paz pensa que Trqafegando Ronseis é imprescindible por algo será. Claro que está ben e é necesario dicir estas cousas. Parabéns queridos amigos. Hai tempo que quería deixar este comentario. Desculpade a miña tardanza. Apertas .

Ronsel dixo...

Sabemos que o cariño cega as túas palabras, querida Charo, pero agradecemos o teu cumplido, vindo dunha das persoas máis intelixentes da blogosfera...

Raquel dixo...

Gustoume moito esta videocoferencia, a verdade que foi unha experiencia especial, pois eu nunca fixera ningunha.
Por outro lado, encantoume poder falar con Agustín, persoalmente, pareceume unha persoa moi humilde e moi amable. Por outra banda foi unha charla moi entretida e moi amena.
Por último que teño que decir e que me encantou, e que me gustaría volver a repetir a experiencia.

Mauro dixo...

A charla con Agustín Fernandez Paz resultoume bastante entretida porque era a primeira vez que estaba nunha videoconferencia e ademais porque Agustín resultou ser unha persoa bastante animada e entretida, con moitas ganas de falar.
Ainda que houbo algúns fallos no son, foi unha experiencia fantástica que me encataría repetir en calquera ocasión.

Carmen dixo...

Pareceume unha charla moi entretida porque ademais de falar do seu libro contounos cousas moi interesantes sobre o seu traballo como escritor

Ainara dixo...

A min tamén me gustou moito a experiencia, xa que explicounos de maneira moi amena moitas cousas sobre os seus libros, que significaba para el ser escritor, etc. Gustaríame repetir a experiencia!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.