Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/06/10

Exposición "nenos soldado"

A que foi derradeira exposición deste curso, prolífico en actividades. Agardo que esta non a perderades.

A exposición “Os nenos soldado: nenos na fronte de guerra” pretende reflectir a situación de milleiros de nenos e nenas que en diferentes partes do mundo participan directa ou indirectamente en conflitos bélicos. Cada ano, moitos nenos son forzados a combater nas frontes de guerra formando parte de guerrillas e de exércitos regulares de moitos países, aínda que estes teñan asinados tratados internacionais para a protección e o cuodado dos nen@s. A exposición pretende facernos reflexionar tamén sobre a militarización da infancia, xa que en moitos países que non están en guerra os nen@s son educados e adestrados en prácticas militares e manexo de armas, tratando de inculcarlles valores que nada teñen que ver coa paz, a solidariedade e a resolución non violenta dos conflitos. A través das fotografías que reflicten esta situación, intentamos que os nosos estudantes reflexionen sobre a situación da población civil, e sobre todo os nenos e nenas, cando se produce un conflico armado, que adoita conlevar a perda dos dereitos máis básicos e fai imperar a simple lei do máis forte. A partir de aquí trátase de entender as relacións entre esta situación e a nosa, como cidadáns de países onde si se cumpren en gran medida dereitos fundamentais das persoas, con protección especial á infancia, pero onde están situadas as grandes empresas armamentísticas que subministran o material bélico para os distintos contendentes nos conflitos. E todo isto para a obtención dun beneficio económico inmenso á marxe de calquera principio ético. Os países máis poderosos do mundo (o chamado G8) son os responsables da fabricación de case o 90% das armas que circulan polo noso planeta, armas que son en moitas ocasións exportadas a conflicos nos que participan nenos. Cando non ocorre directamente que sexan os grandes instigadores de ditos conflictos para provocar situacións que permitan a explotación dos recursos dos países en guerra para o beneficio das grandes corporacións multinacionais.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.