Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/06/10

La princesa de Burundi

Necesitada dun chute de novela negra a miña elección foi La princesa de Burundi de Kjell Eriksson, adornada na portada coa pegata "Mellor novela criminal...". Moito me parece tal galardón, a verdade. Si, é un libro entretido, máis que necesario nesta ocasión, pero ningunha obra mestra.
Creo que o final está resolto un pouco atrapallado, cun asasino nunca antes presente que non sabemos nin de onde puido saír. Un pouco forzado, vaia. Esta é a miña obxección. O resto do libro cumpre sobradamente co que lle pido á novela negra: unha axuda a evadirse da realidade. De aí que fale de "chute".
A trama e o xeito de contala engancha dende o principio, mentres agardas a aparición desa protagonista que semella selo de máis libros deste autor, como adoita suceder con todos os detectives novelescos. Neste caso, non é ela a verdadeira protagonista, senón todo o equipo de colaboradores dos que nos van aportando algúns datos persoais e característicos.
Como non, novela nórdica, unha vez máis. É o que ten estar de moda. Mea culpa.
O selo editorial é novo: JP Libros.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.