Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/07/10

Xenerosa Galaxia

Hai un días chamoume Francisco Castro para me ofrecer unha colaboración no blogue da editorial Galaxia. Sobre que? foi a miña pregunta. E a liberdade foi total. Claramente, a elección debería xirar sobre un tema que me puidese atinxir directamente, relacionado coa miña profesión. Debo confesar que pensei nun abano de posiblidades, dende a nova Selectividade ata as vacacións. Pero se hai algo que me afecte máis ca nada é a lectura, a súa promoción, o traballo bibliotecario e o club de lectura. Por tanto, decidinme a falar deste último, se ben a escasez de espazo limitoume e debín sintetizar quizais máis do que nun principio tiña previsto.
Moitas cousas quedaron sen dicir, e moitas experiencias poderiamos contar. Eu síntome especialmente orgullosa dunha campaña que realizamos este ano "Cupido en paro" que deu pé a que a peor alumna de 2º de ESO quedase enganchada á lectura; todo o profesorado comentaba que "agora, cando menos, le". Pero para falar de todo canto se traballa nos centros de ensino desde as bibliotecas escolares, de todo canto traballo mudo realiza o profesorado pola lectura e pola lingua necesitariamos máis ca un blogue.
Queda pois o meu agradecemento a Francisco Castro e á editorial Galaxia por contar comigo e queda, alí e aquí, a miña humilde reflexión.
Moitas grazas.

Len @s adolescentes?

Se teño que responder a esta pregunta, categoricamente e sen dubidalo diría que si. Creo que len, e bastante. Quizais non tanto como quixeramos –adoita suceder-, quizais non tanto coma nós na súa idade –dubídoo-, pero len. Len sen importarlles o número de páxinas, con avidez. Pero, iso si, len o que lles gusta. (Ata cando os libros obrigatorios?)
Moito teñen que ver os clubs de lectura e as campañas de animación á lectura que realizamos nos centros de ensino. Se damos unha volta polo noso país, comprobaremos o inmenso traballo realizado dende as bibliotecas escolares e dende o profesorado que mantén con periódicas reunións os clubs de lectura.
O club de lectura ten un valor especial. Que de motu proprio os adolescentes se apunten a un é moi elocuente: a declaración de ser lector (un becho estraño???). O feito de opinar nas reunións dá lugar a falar das propias vivencias, sexan boas ou malas. De cando en vez unha obra adquire un significado especial, convértese nunha espoleta de algo que se leva dentro; pódense sentir identificados cunha historia, cun protagonista, aliviar a súa dor por compartila… Asemade, o club de lectura adquire unha nova dimensión: remata sendo unha familia acolledora que comparte moito máis cós libros; comparte un xeito de entender a vida, unha afinidade difícil de rachar. Mesmo o feito de que algún membro se incorpore tardiamente vese como unha ruptura da intimidade inicial, porque o grupo que se forma en torno a un libro vai máis alá. Resulta curioso e gratificante comprobar como eses nenos e nenas que coinciden nas lecturas acaban sendo grandes amig@s.
Unha anécdota: co meu fillo, enfermo estes días, visitamos varios médicos. Todos recomendaron xunto co repouso ver o mundial. Ningún que lese un libro.
Non debería ser traballo exclusivo do profesorado tentar que a cultura –a lectura, por tanto- medre na sociedade.


4 comentarios:

Erea dixo...

Parabéns Gracia, moi curriña a columna. Como a min tamén me toca un pouco, aínda que a adolescencia xa se me pasara (un pouco jeje), dicir que os xoves lemos, e que o que lemos nos inflúee nos cambia moitos esquemas da cabeciña e ata nos perturba! O último libro que lin e que descolocou totalmente foi La insoportable levedad del ser, Milan Kundera. Librazo!

Espero q todo estea indo ben!!! UNha aperta moi forte!

MAría dixo...

De acordo contigo, totalmente. Si que len, e que necesario que os dirixamos!

Cristina Ares dixo...

Parabéns Gracia!!!
E si, si que lemos.
Unha aperta.

Ronsel dixo...

Grazas Erea, María, Cristina. Por vós, grazas a vós, por vos coñecer e vos ter ao meu arredor podo asegurar que se le!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.